Vigo | A Praza Miguel Ángel Blanco xa é unha realidade en Vigo e estará fronte á Cidade da Xustiza. Este 13 de xullo a Xunta de Galicia e diversas autoridades civís e militares quixeron homenaxear ao concelleiro de Ermua polo PP, asasinado pola banda terrorista ETA en 1997, cando se cumpren 25 anos deste suceso que conmocionou á sociedade española. O fixeron co descubremento dunha placa conmemorativa e da escultura “Acordo Xusto” do artista Ramón Conde.
Marta Fernández-Tapias, Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo e presidenta do Partido Popular nesta cidade, foi a autoridade encargada de convocar a este acto que contou coa presenza dunha nutrida representación das autoridades civís e militares da cidade olívica, así como numerosos veciños que se achegaron a este espazo para conmemorar a unha persoa que representou, en palabras de Fernández-Tapias, “os valores da democracia e da tolerancia”.
O acto foi inaugurado polo arquitecto Alfonso Penela, artífice do proxecto arquitectónico da Cidade da Xustiza. Penela reivindicou o “carácter democrático” que supón as prazas para o espazo urbano como un “acto de reconquista cidadá”, reivindicando esa expresión co “batizo desta praza en honor a Miguel Ángel Blanco”.
Pola súa banda, Fernández-Tapias salientou a importancia que esta praza co nome do ex concelleiro do PP estea hoxe precisamente fronte á Cidade da Xustiza porque confirma “os piares da xustiza e da democracia” que se queren expresar nesta conmemoración.
Toda vez fixo referencia ao “Espírito de Ermua” que agrupa ao movemento cívico espontáneo en memoria de Miguel Ángel Blanco, Fernández-Tapias tamén quixo expresar o seu agradecemento a Elena Muñoz, ex candidata do PP en Vigo, por ser a artífice deste proxecto de creación desta praza. Salientou que a decisión de inaugurar esta praza foi adoptada en pleno municipal en xullo de 2017.
Entre as autoridades que asistiron a este evento estiveron o director xeral de Xustiza, José Tronchoni; a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña; os decanos dos xuíces e avogados Germán Serrano e Lourdes Carballo, a fiscal xefe Susana García Baquero; o bispo Luis Quinteiro; o comisario xefe Ramiro Gómez; o comandante naval Antonio Couce; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiro; o ex alcalde de Vigo, Manuel Pérez, e concelleiros e representantes da cultura e sociedade viguesa. O evento tamén contou coa participación musical do quinteto do Conservatorio de Vigo.