A Xunta e Vilar de Santos estudan mellorar as infraestruturas rurais

Entre elas dúas pistas nas localidades de Casas da Veiga e Vilar de Santos

Santiago de Compostela | O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo un encontro telemático co alcalde de Vilar de Santos, Xoán Xosé Jardón, para coñecer as necesidades e demandas relativas ao agro dos veciños deste municipio ourensán. Así, acordaron estudar a posibilidade de levar a cabo novas melloras nas infraestruturas rurais do concello.

Así, o conselleiro e o rexedor abordaron a posibilidade de acondicionar dúas pistas nos núcleos de Casas da Veiga e Vilar de Santos, co fin de facilitar o acceso a varias granxas. Neste senso, o conselleiro explicoulle que este tipo de actuacións teñen encaixe nas iniciativas de mellora de infraestruturas que cada ano executa a Xunta e das que se beneficia este concello, como é o caso do Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.

Precisamente, o Concello de Vilar de Santos ten unhas asignación aprobada de case 30.000 euros no plan Marco de 2021/2022 para arranxar o camiño de acceso ao núcleo de Casas da Veiga. Unha cantidade que se suma aos case 86.000 deste programa pertencentes ás catro últimas convocatorias.

“O Concello de Vilar de Santos ten unhas asignación aprobada de case 30.000 euros no plan Marco de 2021/2022 para arranxar o camiño de acceso ao núcleo de Casas da Veiga”

Ambos dirixentes analizaron a situación actual da concentración parcelaria de Guillamil-Sabariz, que afecta unha superficie de 1.368 hectáreas. Neste senso, o conselleiro trasladoulle que está na fase de firmeza das bases e que se levan investido 4,5 millóns de euros neste proceso. Ademais, trasladoulle que proximamente se contratará as obras para executar a rede de camiños secundarios.

O titular de Medio Rural acordou co alcalde estudar a viabilidade de desenvolver o regadío da Limia na zona de Vilar de Santos, debido ao peso da agricultura neste municipio.