A Xunta e o Concello de Toén humanizarán o núcleo rural de Moreiras

Investirán case 425.000 €

Toén | A Xunta de Galicia e o Concello de Toén colaborarán para levar a cabo un proxecto de humanización e mellora da accesibilidade no núcleo rural de Moreiras. Cun investimento estimado preto de 425.000 euros, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor municipal, Ricardo González, subscribiron esta mañá un convenio no que ambas partes se comprometen a cooperar na execución desta actuación.

En concreto, o departamento autonómico achegará o 70% do orzamento necesario para completar os traballos, ademais de encargarse da contratación das obras e da súa xestión ata que se completen conforme ao previsto. A Administración local, pola súa banda, redactou o proxecto que se vai acometer en Moreiras, financiará o 30% restante e unha vez recibidas as obras, asumirá o seu mantemento e conservación.

A conselleira explicou que os traballos, cun prazo de execución dun ano e que se prevén licitar previsiblemente o mes que vén, inclúen a creación dun novo espazo público que incluirá 12 prazas de aparcamento, a construción de ramplas accesibles con miradoiros e escaleiras e unha senda peonil.

Ademais, o proxecto municipal tamén prevé outras melloras que incidirán na imaxe xeral do núcleo, como a ampliación dunha das súas rúas, a de Patín, ata acadar os 8 metros, a renovación do alumeado público con balizas e luminarias, ou a recollida das augas pluviais para o seu uso no rego e a conexión desta rede co saneamento municipal.

Por último, tamén está prevista a recuperación de vexetación e árbores, con plantación de especies autóctonas, e a posta en valor de elementos existentes na contorna, como as minas de auga, un lavadoiro ou os muros de pedra do núcleo.

Nos últimos anos o departamento autonómico e o Executivo local impulsaron xuntos tamén a urbanización da praza de Moreiras, rematada no ano 2011 e na que se investiron máis de 176.000 euros, e a finais do ano pasado culminaron outra actuación no espazo público de Mugares, cofinanciada entre ambas administración por 85.000 euros.

Neste sentido, Ángeles Vázquez salientou a importancia destes investimentos porque “lle van cambiando a vida aos concellos” que apostan por este tipo de actuacións, sobre todo aos máis pequenos, dixo, xa que son “os que teñen menos posibilidades económicas pero han de ofrecer os mesmos servizos” aos seus veciños.

Tal e como lembrou a conselleira, a intervención prevista en Moreiras acometerase ao abeiro do plan Hurbe, un programa de apoio ás entidades locais galegas posto en marcha pola Xunta no ano 2010 co obxectivo de promover actuacións que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida da súa veciñanza.