A Xunta e o Concello de Pantón humanizarán os accesos ao balneario de Augas Santas

Cun custo estimado de 1.113.000 euros
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asina co alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, un convenio de colaboración en materia urbanística.

Pantón | A Xunta de Galicia e o Concello de Pantón colaborarán na execución dunha actuación urbanística para mellorar os accesos ao balneario e á fonte de Augas Santas localizados neste municipio.

Así consta no convenio de colaboración asinado entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José Luis Álvarez, para fixar os termos da colaboración técnica e económica entre ambas administracións.

O proxecto —cun custo estimado de 1.113.000 euros dos cales o departamento autonómico achegará o 70% e o goberno municipal o 30% restante— enmárcase no chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta fai máis dunha década co fin de axudar ás entidades locais a executar diferentes proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de equipamentos de uso público e colectivo.

O obxecto é a construción dunha beiravía peonil de acceso ao balneario de Augas Santas que o comunique coa praza do mesmo nome, situada a uns 500 metros e na que se localiza unha fonte. Tamén se cambiará a iluminación, reporanse dous sinais de madeira ao inicio e ao final do traxecto e instalarase un paso de peóns elevado.