
Santiago de Compostela | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, compareceu esta mañá no Parlamento de Galicia para facer balance da actividade turística durante o verán de 2026, no que Galicia acadou moi bos datos en noites, estadía media e turismo internacional.
Xosé Merelles destacou que Galicia pechou o verán con algo máis de 2,1 millóns de viaxeiros e 4,93 millóns de noites entre xullo e agosto, un 2,1% máis que no mesmo período de 2025. A estadía media tamén aumentou un 4,4%, un dato que, segundo explicou o director de Turismo, evidencia o avance cara a un modelo turístico baseado non só no número de visitantes, senón tamén no tempo de permanencia e no valor económico que xera a súa presenza no territorio. “En Galicia xa non interesa tanto contar visitantes como canto tempo permanecen no destino, como se distribúe a súa presenza no territorio, que consumo realizan, que retorno deixa a actividade e como convive esa actividade coa vida diaria da poboación residente”, sinalou.
Máis rendibilidade e internacionalización
O director de Turismo de Galicia tamén fixo un repaso polos datos de rendibilidade do sector. Así, subliñou que o prezo medio diario hoteleiro incrementouse un 7,4% máis, mentres que a rendibilidade medrou case un 8,2% nos meses de xullo e agosto. Os ingresos hoteleiros acadaron os 160,7 millóns de euros, un 8% máis que no verán de 2025.
“Galicia non compite por acumular visitantes; Galicia é referente de calidade turística, con valor engadido e con capacidade de xerar riqueza no territorio”, afirmou Xosé Merelles.
O turismo internacional representou xa o 22% das noites do verán, a maior cota da serie histórica. Entre xullo e agosto visitaron Galicia máis de 658.000 turistas internacionais, un 4,5% máis que no mesmo período de 2025, mentres as noites deste mercado medraron un 13% e a estadía media aumentou un 8,1%. Por primeira vez, o turismo internacional superou o millón de noites nun verán, con preto de 1,1 millóns de noites.
Crecemento do turismo rural e dos destinos de interior
O turismo rural foi unha das modalidades con mellor comportamento, cun incremento das noites superior ao 13%; ademais, os cámpings medraron o 8% e as pensións máis dun 3%.
Por xeodestinos, Manzaneda-Trevinca liderou os crecementos, cun aumento do 54,6% en viaxeiros e o 94,5% en noites. Tamén presentaron unha evolución positiva Ribeira Sacra, Terras de Santiago-Deza e Costa da Morte. “En conxunto, estes datos amosan que os maiores crecementos turísticos se concentran especialmente en destinos de interior e natureza, con Manzaneda-Trevinca á cabeza”, destacou.
O Camiño de Santiago continúa sendo outra das grandes fortalezas do destino. A estas alturas do ano xa se outorgaron 500.000 compostelas, arredor dun 7% máis que no mesmo período de 2025, e o 59% corresponden a peregrinos internacionais.
Unha estratexia baseada na planificación
O director de Turismo de Galicia vinculou estes resultados ao traballo desenvolvido pola Xunta nos últimos anos. Neste sentido, lembrou que a Estratexia de Turismo de Galicia 2030 prevé mobilizar máis de 1.000 millóns de euros e que se apoia en eixos como a sustentabilidade, a diversificación territorial, a dixitalización, a calidade e a competitividade.
Tamén destacou os máis de 140 millóns de euros do Plan Director dos Camiños de Santiago 2025-2027, os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino e as diferentes liñas de apoio ao sector, que supoñen, segundo explicou, “unha media de 30M€ que inxectamos anualmente e directamente no territorio”.
Boas perspectivas para rematar 2026
De cara ao derradeiro trimestre do ano, Xosé Merelles salientou as previsións de Exceltur, que apuntan a un crecemento do 4% da actividade turística en Galicia, fronte ao 2,8% previsto para o conxunto de España. Ademais, segundo os datos trasladados na súa intervención, os ingresos das empresas turísticas galegas aumentaron este verán un 8,7% respecto do mesmo período de 2025.
Xosé Merelles concluíu que Galicia debe seguir avanzando en calidade, internacionalización, diversificación, intelixencia turística, cooperación e sustentabilidade e resumiu o obxectivo da política turística galega: “conseguir que a actividade turística xere máis valor, durante máis meses e en máis territorio, sen menoscabar o noso patrimonio: o natural, o material e tamén o inmaterial, sen tensións na cidadanía”.
Finalmente, afirmou que os resultados permiten afrontar con optimismo os próximos meses e a preparación do Xacobeo 2027: “Galicia non conseguiu estes datos por casualidade, senón froito dunha planificación, dun investimento, do diálogo co sector, da distribución territorial e de moitos anos de traballo detrás de cada resultado”.




