
Sober | José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, puxo en valor a ampla batería de medidas impulsada pola Xunta a prol do emprego e do emprendemento con foco no territorio, destacando que o rural é unha fortaleza para Galicia e que a Comunidade ten capacidade para reter e atraer talento, así como vontade emprendedora para transformar os recursos nunha panca de futuro.
Así o manifestou na clausura do Encontro de Sober, un foro organizado polo Centro de Estudos Superiores de Galicia (Cesuga), no que se deron cita representantes do ecosistema empresarial, académico e institucional galego para debater sobre o binomio rural-industria.
González compartiu medidas innovadoras orientadas á revitalización do rural, como o lanzamento da primeira orde para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores co obxectivo de cubrir vacantes e fixar poboación. A convocatoria, que se prevé publicar nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG), está dotada con 1,5 M€. Trátase dunha iniciativa conxunta das consellerías de Emprego e Vivenda que busca impulsar o alugueiro ou a cesión de uso de inmobles para persoas contratadas por empresas con centros de traballo en Galicia, concretamente en municipios de menos de 20.000 habitantes, contribuíndo á vertebración territorial. Poderán beneficiarse das axudas os propietarios, usufrutuarios ou cesionarios do uso desas vivendas por un prazo mínimo de 10 anos, xa sexan as propias empresas que contratan ou persoas físicas e concellos que se comprometan con elas a destinar os inmobles que rehabiliten aos seus traballadores. Ademais, valorarase que os inmobles se dirixan a persoas beneficiarias do programa Retorna Cualifica Emprego ou das bolsas BEME, contribuíndo así á atracción de talento exterior.

O conselleiro puxo en valor o impacto territorial do programa Retorna Cualifica Emprego, cuxa nova convocatoria abre o martes, cun orzamento de 2,3 M€ co obxectivo de facilitar o retorno de 200 galegos residentes no exterior. Destacou que nas dúas edicións anteriores permitiu o regreso de preto de 400 galegos e galegas procedentes de 21 países a arredor de 60 concellos de Galicia.
Pulo ao emprendemento
José González tamén puxo en valor a Rede Ultreia de colaboración público-privada impulsada pola Xunta para compartir recursos, xerar sinerxías e evitar duplicidades na atención ao emprendemento. Salientou que a Rede —que supera as 120 adhesións— será unha das referencias clave da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, que se está a ultimar da man de todos os axentes implicados.
Neste marco, puxo o foco no papel da Rede de polos, clave para impulsar proxectos ligados a cada contorna e favorecer a especialización comarcal. Así, resaltou que xa son máis de 6.300 os proxectos asesorados en toda Galicia, máis de 1.300 nas cinco oficinas de Lugo, situadas en Friol, Mondoñedo, Sarria, A Fonsagrada e Monforte de Lemos.
A isto súmase o apoio ao emprego autónomo, con preto de 41 M€ na orde unificada deste ano, que incorpora medidas como a ampliación a dous anos da cota cero para actividades vinculadas ao sector primario ou o reforzo do Bono Remuda. En conxunto, e sumando estes apoios aos canalizados a través da Rede de polos, a Xunta destina uns 60 M€ a cubrir todo o ciclo do emprendemento, desde o inicio ata a remuda xeracional.




