
Ourense | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participaron na celebración da Festa Etnográfica de Pereiro de Aguiar en Loñoá que alcanza este ano a súa sétima edición.
Esta cita, consolidada como un referente na recuperación e difusión da cultura tradicional, reúne veciñanza e visitantes arredor dun amplo programa de actividades que inclúe demostracións de oficios artesanais, música, danza, teatro, contacontos, gastronomía, xogos populares e propostas para todos os públicos, poñendo en valor a identidade etnográfica da localidade e a súa histórica tradición oleira.
Xosé Merelles destacou o papel desta celebración como ferramenta para impulsar un turismo baseado na autenticidade, na conservación do patrimonio inmaterial e na dinamización do medio rural, en consonancia cos obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030. A implicación da veciñanza, a transmisión dos oficios tradicionais entre xeracións e a diversificación da oferta turística converten esta festa nun exemplo de valorización da cultura rural galega e de promoción dun modelo turístico sustentable e equilibrado para o territorio.




