
Pontevedra | O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a reitora da Universidade de Vigo (UVigo), Carmen García Mateo, veñen de asinar o último convenio do Plan de infraestruturas universitarias, logo de que o Consello da Xunta lle dera luz verde este luns, cun investimento de preto de 4,4M€, dos cales o Goberno galego aporta o 71,4% (3.105.000€) e a UVigo o 28,6% (1.242.000€).
O convenio recolle a realización e proxección de novas infraestruturas, a reforma e ampliación doutras xa existentes e actuacións de mellora enerxética. Entre elas, no campus de Pontevedra, unha das novas actuacións previstas é a elaboración do Plan director así como a redacción e licitación do proxecto dun novo edificio para Belas Artes e Deseño, actuación á que o convenio reserva unha partida de 240.000€, por tratarse do primeiro paso. Igualmente contémplanse outros 45.000€ para a redacción e licitación do proxecto de ampliación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte co fin de incrementar a capacidade dos seus espazos docentes e de investigación.
Segundo explicou Román Rodríguez, que estivo acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, as actuacións contempladas son as propostas pola propia Universidade que é a que “mellor coñece as súas necesidades” e, a partir de aí, establécese unha colaboración dialogada “para facer realidade ditas propostas, algunhas delas en fase inicial de planificación”, concretou. Segundo o conselleiro, estas propostas contribuirán a consolidar a especialización universitaria do Campus Crea en torno á creatividade, a arte, a comunicación ou o deporte.
Campus de Ourense
No campus de Ourense inclúese a última partida para a construción do novo edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, por un importe de 2.544.000€, que abrangue a execución das obras e o equipamento.
Coñecido como o Camaleón, o novo edificio terá unha superficie de case 6.400 metros cadrados e estará dotado de 18 laboratorios destinados a docencia e investigación, oito aulas despachos e zona de dirección. O proxecto inclúe tamén seis seminarios e unha nave taller de aproximadamente para albergar as liñas de investigación que requiran de laboratorios especiais e bancos de proba onde poder dispor de maquinaria que necesite grandes superficies, entre outros espazos.
Campus de Vigo
No campus de Vigo, o convenio subscrito hoxe inclúe a instalación xeotérmica na Facultade de Filoloxía e Tradución, ao que se destinará un orzamento de 1.202.000€. Isto suporá substituír as actuais caldeiras de gas natural, reducindo así as emisións de CO₂ e o consumo enerxético.
Así mesmo, neste campus inclúese tamén a redacción e licitación da reforma e reestruturación da Escola de Enxeñaría Industrial, cun montante de 315.000€. O obxectivo é renovar e adaptar as instalacións ás necesidades actuais en canto a seguridade, accesibilidade e eficiencia enerxética.




