A Xunta de Galicia divulga a figura de Castelao

A través dunha decena de publicacións

Santiago de Compostela | A Xunta divulgará a figura e o legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a través dunha decena de publicacións ao longo deste 2025, dentro das accións da programación do Ano Castelo, co que o Goberno galego conmemora o 75 aniversario dunha das figuras máis senlleiras de Galicia. Así o deu a coñecer hoxe o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na presentación dunha destas obras, Celebrando a Castelao. O artista polifacético, de Rubén de Lis.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude considerou “máis que necesarias” este tipo de publicacións para “seguir espallando e preservando” a vida, obras e achegas artísticas, intelectuais e políticas “dun dos nosos persoeiros máis senlleiros e que marcou un antes e un despois da historia de Galicia”.

Por estes motivos, Valentín García anunciou que, ademais desta obra de Rubén de Lis, da que gabou a súa “habilidade para construír unha interpretación emocional e artística da figura de Castelao”, o Goberno galego apoiará a publicación, por vez primeira na historia, da dúas edicións da emblemática obra teatral Os vellos non deben de namorarse.

A Xunta de Galicia farao en colaboración coa Deputación de Pontevedra, a Fundación Castelao e Galaxia. Precisamente, con esta editorial, que tamén está a celebrar os seus 75 anos de existencia, levará a cabo a publicación da correspondencia inédita do escritor de Rianxo.

Manter vivo o legado entre as novas xeracións
Ademais destas dúas importantes obras, o Goberno galego apoiará a edición dos discursos institucionais de Castelao da man da Fundación Castelao e tamén levará a cabo a dixitalización da documentación sobre o Estatuto de 1936, en colaboración co Instituto Padre Sarmiento. Engadiranse á esta listaxe de publicacións prevista ao longo deste ano, a incorporación de fondos dixitalizados sobre o autor de Sempre en Galiza na Biblioteca dixital de Galicia, Galiciana.

O secretario xeral da Lingua incidiu na relevancia destas publicacións para “manter vivo o seu imprescindible legado”, sobre todo entre as xeracións máis novas, “onde a súa obra serve de un faro sempre acceso e referente imperecedoiro sobre o respecto e amor pola lingua e pola nosa cultura”, concluíu.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.