A Xunta de Galicia declara BIC o convento do Bon Xesús de Trandeiras

Recoñécese o valor arquitectónico, artístico e histórico desta edificación de principios do século XVI

Ourense | O Consello da Xunta acordou declarar Ben de Interese Cultural na categoría de monumento o convento do Bon Xesús de Trandeiras, no Concello de Xinzo de Limia. Trátase dun conxunto que transcende o propio mosteiro e consta de igrexa, claustro, restos das dependencias conventuais e outras construcións auxiliares. A protección abrangue, ademais, cinco retablos do templo dependente da Diocese de Ourense. Con esta incorporación, elévanse a 805 os bens de interese cultural de Galicia.

O Consello deu luz verde ao decreto que pecha un proceso de incoación iniciado en febreiro do 2025. Deste xeito, o expediente elaborado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recoñece o valor cultural sobranceiro dun mosteiro construído a principios do S. XVI, rexido no seu momento pola orde franciscana e cuxos restos son actualmente propiedade do concello.

O conxunto inclúe o claustro, as dependencias conventuais, os muros perimetrais, diversas construcións auxiliares como son un forno, unha alvariza e varias infraestruturas hidráulicas, o bosque da contorna e a igrexa, en funcionamento para o culto relixioso e titularidade da Diocese de Ourense. Ademais, a protección como ben de interese cultural abrangue varias pezas artísticas vencelladas ao templo.

Son cinco retablos de madeira de notable calidade artística: o retablo maior, o retablo da Asunción, o do Cristo dobre a pedra fría e o da Durmición de María. Así, o conxunto constitúe todo un emblema histórico, sendo un dos lugares máis significativos da comarca da Limia e símbolo da transición entre o gótico tardío e un incipiente estilo renacentista, do cal en Galicia non hai unha gran representación.

Neste senso, o valor arquitectónico do convento ponse de manifesto na súa monumentalidade, cun claustro en que se conservan parte das lousas do piso e os elementos pétreos do pórtico da galería da planta baixa, que constitúe tamén o seu elemento de maior valor artístico xunto coa portada da entrada e o arco triunfal do prebisterio da igrexa. De feito, cómpre destacar que a igrexa goza dun bo estado de conservación, despois das obras de rehabilitación desenvolvidas nas últimas décadas.

Mentres, ao redor do claustro permanecen parte dos muros exteriores orixinais e algúns interiores do que foron as dependencias conventuais. En canto ás construcións auxiliares, hai que resaltar o forno, que foi restaurado recentemente, e zonas con pías para o curtido de coiro atopadas nas últimas escavacións. Esta declaración eleva a 805 o número de bens de interese cultural existentes en Galicia, despois da recente inclusión de seis moedas históricas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.