A Xunta de Galicia avanza nas melloras do estadio ourensán do Couto

Cun investimento de 2,6 M€

Ourense | Diego Calvo, vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, visitou hoxe o estadio ourensán do Couto para comprobar as melloras nas que o Goberno galego inviste 2,6 millóns de euros.

Acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, Calvo coñeceu os resultados das obras estruturais e funcionais feitas, así como os avances das que están en execución para a rexeneración do céspede natural.

Segundo explicou o vicepresidente primeiro, os traballos xa finalizados permitiron, por unha banda, actuar a nivel estrutural con obras de reparación e rehabilitación para asegurar as estruturas e incrementar a súa vida útil, e, por outra, a nivel funcional, coa renovación e posta ao día de elementos superpostos como mobiliario ou instalacións.

Ademais executouse unha ampliación, con obras no edificio administrativo para facilitar a organización independente dos usos deportivos, sociais, administrativos e representativos. A maiores, houbo melloras na seguridade e na imaxe interior e exterior das instalacións. Todas estas actuacións sumaron un orzamento de 1,8 millóns de euros.

No que respecta á rexeneración do céspede, presupostado en 800.000 euros, a previsión é que rematen en xaneiro para que o campo estea dispoñible en febreiro.

Aposta polas infraestruturas deportivas
O vicepresidente primeiro enmarcou a mellora deste estadio na aposta que está a facer a Xunta polas infraestruturas deportivas e a prol do deporte base, que se traduce nos presupostos de 2024 nun investimento de 17,5 millóns de euros.

Diego Calvo incidiu na necesidade de dotar a deportistas, entidades e afección dunhas instalacións de calidade que favorezan a práctica deportiva e o apoio.

Ademáis, referiuse ao estadio do Couto como un referente do deporte ourensán, xa que nel compiten os equipos Ourense Club de Fútbol e Unión Deportiva Ourense e acolle as sedes de distintas federacións deportivas.