
Santiago de Compostela | Presentouse en Santiago a I Feira Profesional de Turismo Internacional Viaxa impulsada polo Clúster de Turismo de Galicia co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, que se celebrará do 23 ao 26 de novembro na Coruña e Santiago de Compostela.
Esta iniciativa permitirá favorecer a internacionalización das empresas turísticas galegas e abrir novas oportunidades de comercialización nos mercados exteriores. A feira poñerá en contacto máis de cen empresas galegas con preto de trinta turoperadores internacionais procedentes de mercados como Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Países Baixos, Bélxica, Suíza, Polonia e India.
O encontro enmárcase nun contexto de crecemento do mercado internacional, que acumula un incremento do 6% no que vai de ano. Ademais, Turismo de Galicia iniciou unha nova liña de colaboración con Virtuoso, a principal rede internacional especializada en turismo e experiencias premium. Esta alianza permite posicionar este destino en mercados internacionais a través dun segmento de elevado poder adquisitivo e alta capacidade de consumo, especialmente interesado en experiencias singulares, auténticas e de calidade.
A feira desenvolverase a través de dous formatos complementarios de encontro profesional. O 25 de novembro, na Coruña, centrarase na oferta de turismo premium e combinará un espazo expositivo dedicado a dar a coñecer os xeodestinos e os atractivos turísticos con reunións comerciais directas entre empresas e compradores internacionais.
Pola súa banda, o 26 de novembro, en Santiago de Compostela, os encontros centraranse no Camiño de Santiago, nas súas diferentes rutas e modalidades, nas necesidades das persoas peregrinas e nos servizos complementarios que poden incorporarse aos itinerarios.
Ademais, entre o 23 e o 26 de novembro, os operadores internacionais participarán nunha viaxe de familiarización pola provincia da Coruña, que permitirá amosar a diversidade da oferta galega a través do seu patrimonio, a natureza, a cultura e a gastronomía. Na foto Xosé Manuel Merelles Remy, director da Axencia de Turismo de Galicia, intervindo no acto.




