A Xunta de Galicia ampliará o parque empresarial do Pereiro de Aguiar

A nova superficie superará os 200.000 metros cadrados

O Pereiro de Aguiar | A Xunta de Galicia licitará por un importe de algo máis de 282.000 euros, IVE incluído, a redacción do Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) que permitirá a ampliación do parque empresarial do Pereiro de Aguiar, en Ourense.

A empresa pública Xestur publicou o 17 de abril na Plataforma de contratos públicos de Galicia a licitación do contrato para a redacción do referido plan.

A empresa adxudicataria disporá dun prazo de cinco meses para a presentación do borrador do plan, así como a documentación necesaria para iniciar a súa tramitación ambiental.

Prevese que a futura ampliación do polígono industrial do Pereiro de Aguiar ocupe unha superficie superior aos 200.000 metros cadrados.