A Xunta concede axudas para conservación e rehabilitación de inmobles na Ribeira Sacra

Destinará un importe global de 850.000 euros

Ourense | O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse con alcaldes e técnicos dos 12 concellos ourensáns que forman parte da Área de Rehabilitación Integral (ARI) da Ribeira Sacra para invitalos a que informen aos seus veciños das axudas que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará este ano a promover a conservación e a rehabilitación dos inmobles existentes dentro deste ámbito, por un importe global de 850.000 euros.

Gabriel Alén transmitiulle aos alcaldes de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, Manzaneda, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, A Teixeira e Xunqueira de Espadanedo a necesidade de animar aos cidadáns a optar a esta liña de subvencións públicas, á que poden acollerse aínda ata o vindeiro 30 de setembro.

O delegado territorial, acompañado da xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Victoria Núñez, e de técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), explicou que o obxectivo dos distintos programas de rehabilitación dirixidos a particulares, comunidades de veciños e administracións locais é mellorar a patrimonio edificatorio da Comunidade galega.

En concreto, o pasado 22 de marzo convocáronse as axudas financiadas ao abeiro do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan 2018-2021 correspondentes á xa mencionada ARI da Ribeira Sacra (850.000 €), á ARI dos Camiños de Santiago (1,3 M€) e á ARI das Illas Atlánticas (32.000 €). O prazo para presentar solicitudes ao abeiro destes tres programas remata o 30 de setembro.

Tres ARI supramunicipais
O IGVS xestiona directamente as tres áreas de rehabilitación integral de carácter supramunicipal declaradas na Comunidade e que son as xa mencionadas ARI dos Camiños de Santiago (na que se integran un total de 126 concellos), a das Illas Atlánticas (catro entidades locais) e a da Ribeira Sacra (25 municipios).

“O IGVS xestiona directamente as tres áreas de rehabilitación integral de carácter supramunicipal declaradas na Comunidade e que son as xa mencionadas ARI dos Camiños de Santiago (na que se integran un total de 126 concellos), a das Illas Atlánticas (catro entidades locais) e a da Ribeira Sacra (25 municipios)”

As actuacións subvencionables que se poderán levar a cabo nestes ámbitos son obras e traballos de mantemento en vivendas unifamiliares e edificios, mesmo no interior, a fin de adecualos para o seu uso residencial, e obras de demolición de edificios e vivendas para promover outras de nova construción.

Os beneficiarios desta liña de axudas serán persoas físicas propietarias, comunidades de persoas propietarias, agrupacións de propietarios, Administracións públicas ou titulares dunha concesión –só no caso da ARI das Illas Atlánticas‑. Así, os solicitantes poderán recibir ata 4.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación, contía que se incrementará en 1.000 euros máis sempre e cando os traballos executados se adapten ás recomendacións da Guía de cor e materiais.