A Xunta comprométese coas mulleres rurais de Ourense

Xuntanza coa directiva de Femuro

Ourense | Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade, reuniuse coa directiva da Federación provincial de mulleres rurais de Ourense (Femuro) na que reforzou o compromiso da Xunta con esta entidade e todas as mulleres rurais que traballan pola igualdade e a loita contra a violencia de xénero.

López Abella incidiu na forte implantación de Femuro na provincia de Ourense, con máis de 60 entidades de mulleres rurais asociadas, e a súa “experiencia e traballo no ámbito da conciliación, corresponsabilidade e na prevención e sensibilización contra a violencia machista”.

Esta labor, que lle imprime unha base social ampla e variada e se traduce en miles de mulleres beneficiarias das súas actividades, fíxoa merecedora dunha das medallas Pardo Bazán na súa edición do ano 2020.

Abordáronse as liñas de colaboración da Xunta con Femuro en 2022 como o convenio para o desenvolvemento de accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e apoio ás vítimas que o pasado ano se firmou por valor de máis de 19.000 euros.  Tamén se trataron as actividades que se levarán a cabo no Foro pola Igualdade que organiza Femuro e que cumpre este ano 18 edicións. En global, a Xunta apoia a Femuro desde 2009 con máis de 360.000 euros por medio de accións diferenciadas.