A Xunta amplía o “Parque Empresarial das Gándaras” en Lugo

Cun investimento de 2,6 millóns de euros para a segunda fase de ampliación

Lugo | O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou o estado das obras que se executan no parque empresarial das Gándaras e mantivo unha xuntanza de traballo coa Asociación de Empresarios que representa a esta área industrial e a do Ceao.

Arias explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inviste 2,6 millóns de euros nas obras da segunda fase de ampliación das Gándaras, que deron comezo a principios de ano e contan cun prazo de execución de 10 meses. Ademais, sinalou que a Xunta está a tramitar unha modificación do proxecto sectorial que posibilitará acometer a que será a terceira fase de expansión do polígono.

O delegado apuntou que deste xeito a Consellería pretende dar resposta ás necesidades dos empresarios de Lugo “de dispoñer de chan industrial con bos servizos e a un prezo competitivo”. Neste sentido, lembrou que o polígono das Gándaras é a segunda superficie empresarial na que máis solo bonificado se adxudicou desde o ano 2015 en Galicia -despois do polígono de Bértoa en Carballo-.

Os case 90.000 metros cadrados da segunda fase tamén se benefician da bonificación dun 50% sobre o prezo de venda e recordou que recentemente se pechou o concurso de venta de solo empresarial de Xestur, no que se ofertaron seis parcelas no parque das Gándaras, que suman unha superficie total de 54.837 metros cadrados.

A ampliación do parque empresarial das Gándaras responde á demanda de solo que existe sobre esta zona. Nesta segunda fase constrúense dúas parcelas -unha de maior tamaño, de 25.000 metros cadrados e outra de 8.990-, así como unha zona de aparcadoiro de 20.000 metros cadrados para dispoñer máis de 380 prazas de aparcadoiro, que ascenden a 530 si se teñen en conta as prazas dispoñibles nos viarios.

Tamén se construirá unha praza pública que ocupará unha superficie de máis de 6.000 metros cadrados. Igualmente, a Consellería traballa na modificación do Proxecto Sectorial do Parque Empresarial das Gándaras, unha iniciativa que xa finalizou o seu trámite de exposición pública e que -segundo as previsións do Instituto Galego de Vivenda e Solo- poderá aprobarse en 2021.