A ximnasta ponteareán Melania Rodríguez, ouro en dobre mini tramp nos Xogos Mundiais de Birmingham 2022

Integrante do Club Ximnasia Burgas

Ponteareas | O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quere felicitar en nome de todo o Goberno local á ximnasta ponteareá Melania Rodríguez, que acaba de conseguir a medalla de ouro na categoría de dobre mini tramp nos Xogos Mundiais de Birmingham 2022. A deportista, integrante do Club Ximnasia Burgas, subiu ao máis alto do podio do Legacy Arena tras superar na final á neozelandesa Bronwyn Dibb e á sueca Lina Sjoeberg.

A pesar do altísimo nivel do resto de participantes durante toda a competición, a ponteareá acadou uns grandísimos resultados que reflicten “o enorme traballo diario que hai detrás de todas e todos os deportistas de alto nivel, que se esforzan en cada adestramento e en cada competición para superar todos os límites”.

“Para nós e un orgullo contar con deportistas de tan alto nivel que levan o nome de Ponteareas por todo o mundo”, salienta o edil.

Rodríguez acadou o ouro tras executar de forma moi limpa un salto con pirueta barani en prancha de entrada e mortal pirueta en prancha de saída, co que conseguiu os 26,600 puntos necesarios para facerse co máximo metal.