A incapacidade de artellar un acordo electoral entre a autodenominada Fronte Ampla e Podemos na Galicia non é unha simple anécdota partidaria, senón que constitúe unha emenda á totalidade a un espazo estatal esmorecente que ameaza con converter en irrelevantes milleiros de sufraxios progresistas nas vindeiras estatais do 29-N. Diante desta escea de fragmentación, xorde con forza a pretensión do PSOE de se vindicar como única opción posíbel para frear á dereita extrema e a extrema dereita de PP e Vox. Mais unha análise rigorosa, espida de prexuízos e atenta á nosa realidade socioelectoral, amosa que non hai tal e que o voto ao BNG, alén da vantaxe estratéxica de lle engadir a escolla da priorización dos intereses nacionais galegos á escolla progresista é, tamén, unha opción táctica máis eficaz nas catro circunscricións galegas.
Galicia elixe o 29-N 25 deputados, 9 pola circunscricion coruñesa, 8 pola pontevedresa e 4 en cadansúas luguesa e ourensá. A historia electoral dende 1996 amosa sen maiores contradicións que as circunscricións atlânticas dan marxe abonda para que a terceira forza (neste caso o BNG) acade representación sen problemas. Mesmo no 2000 o BNG obtivo um segundo escano-o de Carlos Aymerich- na Coruña, que disque non estaria moi lonxe arestora. Nas dúas circunscricións semella que a opción soberanista é a única que pode competir polas últimas actas co PP e mesmo con0 Vox, evitando que a dispersión do voto agasalle con actas á dereita extrema e á extrema dereita.
“Galicia elixe o 29-N 25 deputados, 9 pola circunscricion coruñesa, 8 pola pontevedresa e 4 en cadansúas luguesa e ourensá”
Mais a teoría tradicional do “voto útil” cara Madrid adoita relegar as circunscricions luguesa e ourensá a un bipartidismo dinástico seica inevitábel. Velaquí un grave erro de cálculo. O comportamento das autonómicas de febreiro de 2024, sumado ao bo resultado das europeas dese mesmo ano (que elixiron eurodeputada a Ana Miranda), consagrou ao BNG como a forza hexemónica do bloque progresista na Galiza, cunha penetración urbana e comarcal sen precedentes.
Nestas circunstancias é en Lugo e Ourense onde a xeometría electoral derruba o vello dogma socialista. Con circunscricións de catro escanos, o sistema d’Hondt castiga gravemente a fragmentación. Pretender que o voto directo ao PSOE garanta un segundo deputado en Ourense ou Lugo é, hoxendía, un exercicio de voluntarismo doadamente desmentido polos dados. Impediren o terceiro deputado do PP nestes dous territorios está máis preto a medio da escolla soberanista a respecto da socialista.
Cómpre, tamén, falarmos en termos de rendibilidade política para o País. Calquera que for o posicionamento da cidadanía galega no eixo esquerdas-dereitas é de case xeral recoñecemento que canto máis numerosa e-nomeadamente- decisiva sexa a representación do galeguismo soberanista mellor parados saen os intereses económicos, empresariais, culturais e sociais deste país. Independentemente da consideracion máis crítica ou positiva que cada cidadán e cidadá teña do labor do BNG no que si pode confiar é que o seu voto há server para rexeitar frontalmente calquera goberno PP-Vox e para garantir que a axenda galega estea no centro da gobernabilidade do Estado.
“O 29-N enfrontamos a oportunidade de superar a vella lenda do voto útil pasivo”
O 29-N enfrontamos a oportunidade de superar a vella lenda do voto útil pasivo. A fractura da esquerda estatal converte ao voto nacionalista nunha opción acaída para quen esixe políticas avanzadas e respecto pola nosa condición nacional, facendo valer a voz e os direitos e intereses deste país en Madrid.





