A unha e outra beira: o Atlántico.

Un deses nobres cortesáns foi don Diego Sarmiento de Acuña (1567-1626), Conde de Gondomar, que engadiu á súa bibliofilia a bendita teima de gardar as cartas que recibía e copia, ou cando menos apuntamento, das que enviaba. Hai entre as 40.000 cartas que conservou unha fonte de primeira man para coñecer o devir político e social da monarquía católica no transito do XVI ao XVII. Nunha delas, dada a coñecer por Lois Tobío, don Diego Sarmiento de Sotomayor e Bazán (1535-1591), señor do Val de Achas e Petán [que non é o mesmo que o seu homónimo, parente e coetáneo, o señor de Salvaterra e Sobroso, Don Diego Sarmiento de Soutomaior (1570-1618), primeiro conde de Salvaterra], escríbelle ao parente de ambos e futuro conde de Gondomar dúas cartas. Na primeira o señor das Achas dille a don Diego “e que fixese isto nesta lingoaxe pois e de v.m. tan estimada e por ela me trouse aquí que coela despertaría v.m. do sono de coRexidor.” Na segunda afirma de si mesmo: “saom Sarmento e criado a veira de Portugal”. Cando o señor das Achas lle escribía ao de Gondomar, Portugal e Galicia pertencían á monarquía católica dos Austrias.

Paseo polo lenzo da muralla da fortaleza de Salvaterra, erguida por militares portugueses, mesmo por riba das chamadas Covas de dona Urraca que reverberan, ao xeito popular, lendas dunha raíña argallando os ataques, coa asesoría do “pío ladrón” Xelmírez, contra a súa media-irmá Tereixa, a condesa portucalense a quen tiña sitiada no castelo de Lanhoso. Imaxino a Pedro Madruga resistindo os mercenarios de Alonso II de Fonseca e, sitúome, menos de medio século despois da carta do señor das Achas, cando Rodrigo de Vasconcellos vadea o río para tomar a fortaleza, da que lle ía franquear as portas o mando militar que deixara o segundo conde de Salvaterra, Garcia Sarmiento de Soutomaior e Luna, que marchara había pouco para ser vicerrei no Perú.
Dende a altura da atalaia ollo para Monçao e lembro de novo a Castelao: “Na beira do Miño. O rapaz: ¿E logo os da beira de alá son máis estranxeiros que os de Madrid? (Non se soubo o que respondeu o vello)”.

Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.