A unha e outra beira: o Atlántico.

Pola contra, no caso portugués, parece que a “situación” xeográfica pode servirnos para explicar a continuidade da nación política e, ao mellor, no noso caso, a redución a unha simple cultura e lingua primixenia, amada pero “mísera e mesquiña”. Somos unha terra de termo, dicía Otero, unha marca fronte ao océano, unha fisterra europea. Volvendo a Camões: “Onde a terra se acaba e o mar começa”. Certo, como o é toda a franxa atlántica peninsular, con resultados ben diferentes a unha e outra beira da fronteira do Miño, esa puñalada psicolóxica persistente.

A medida que baixamos do Miño cara ao cabo Roca, o punto máis occidental de Europa, e o Algarbe, temos unha costa aberta ao océano, recta, sen aberturas, sen portos de abrigo nin illas, sen golfos, e aínda que o mar lle afecta a case todo Portugal, a vida económica dependente del amósase secundaria, cunha plataforma estreita, apenas 30km., e batida por fortes ventos; as condicións xeográficas non invitan a aventuras marítimas e pola contra “E se mais mundo houvera, lá chegara. “Virou costas a Castela” e cando a revolución tecnolóxica do transporte llo permitiu botouse ao impetuoso océano e asegurou a súa persistencia como nación. A poboación portuguesa atlantizouse.

No noso recanto fisterrán pola contra a liña costeira é unha permanente reviravolta, unha constante e mansa, en gran parte, entrada do mar na terra, inzada de illas e magníficos portos de abrigo e unha extensísima plataforma mariña que augura toda caste da farturas. Mais as súas elites viráronlle as costas ao océano liberador, desatlantizáronse, e asumiron o estereotipo de ser a fin do mundo, a fin dun único camiño terrestre e non o principio de varios alternativos. Ollaron para León, para Castela, para o poder da monarquía e tras sucesivas alianzas erradas ficaron por converterse en nobreza cortesá para facer carreira política. Niso seguen.

Cando o desenvolvemento tecnolóxico o permitiu, as abundancias que auguraba o mar ficaron en mans adventicias que tardaron en diluírse no conxunto social e a aventura mariña virou de conquistar almas para Deus e tesouros para o rei a exportar man de obra para repoboar as Américas baleiras tras o exterminio indíxena.

Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.