A Sala de Exposicións “Antonio Palacios” será unha realidade no Porriño

Os traballos de acondicionamento avanzan simultaneamente a súa musealización

O Porriño | A nova Sala de Exposicións Antonio Palacios será pronto unha realidade. Este museo no que se mostrará, a través de diferentes pezas a traxectoria profesional e persoal do arquitecto porriñés, abrirá as súas portas este ano no marco do ano `Antonio Palacios. Patrimonio do Porriño´.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, supervisou esta semana os traballos de acondicionamento do local onde se ubicará a sala. Trátase dun céntrico espazo situado preto da Casa Consistorial, que dispón dunha superficie útil de 107,88 m2 e que ata o de agora se atopaba totalmente lóbrego.

As obras de adaptación requiren unha inversión de preto de 67.000 e céntranse na acometida de instalacións de ventilación, climatización, electricidade, protección contra incendios e tamén a formación das fachadas, principal e traseira. Simultaneamente, está a traballarse no proxecto de musealización da sala, co obxectivo de que se garantice unha adecuada visión das pezas e a súa conservación.

“A nova sala contará cunha mostra permanente materiais inéditos e descoñecidos ata o de agora”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Un material de gran valor que vai desde cadernos de traballo e de campo do arquitecto, textos, debuxos, planos ou maquetas, que atesoramos na súa vila natal e queremos abrir ao mundo”.

O rexedor indicou que ademais este espazo será un centro neurálxico da cultura na vila, “pois ademais da mostra albergará actividades culturais que xirarán en torno á figura de Antonio Palacios, como xornadas de arquitectura ou historia”.

Cabe destacar que a apertura desta mostra permanente é unha das moitas iniciativas que conforman a axenda cultural porriñesa este ano, no que ademais de conmemorarse o 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés, cúmprense 100 anos da construción da Casa Consistorial, a obra máis representativa que Palacios deseñou para a súa vila natal.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.