A Praza de Abastos de Monforte conta cun novo posto de peixería

A cargo da empresa Da Lonxa ao Prato, S.L. con sede en Santa Uxía de Ribeira

Monforte de Lemos | O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou a apertura do novo posto de peixería da Praza de Abastos, a cargo da empresa Da Lonxa ao Prato, S.L., con sede en Santa Uxía de Ribeira e que ten como actividade a venda de peixe, marisco e produtos elaborados procedentes da pesca artesanal da frota de baixura galega.

O alcalde subliñou que “a Praza de Abastos de Monforte volve a ter dende un posto de venta de peixe e marisco frescos así como produtos delicatessen do mar, ampliando así a variedade de servizos e produtos que ofrecemos dende este mercado de abastos ós monfortinos e monfortinas”.

A Lonxa de Ribeira na ría de Arousa, unha das principais lonxas galegas e das máis importantes en pesca de baixura de Europa, constitúe a orixe da maior parte dos nosos peixes e mariscos. Os produtos cos que traballa esta empresa proceden directamente da pesca artesanal e da frota de baixura da costa de Galicia.

“A Lonxa de Ribeira na ría de Arousa, unha das principais lonxas galegas e das máis importantes en pesca de baixura de Europa, constitúe a orixe da maior parte dos nosos peixes e mariscos”

Trátase de produtos cunha trazabilidade totalmente garantida, mediante etiquetas nas cales se mostra a súa orixe, método de captura, especie… O cliente incluso pode coñecer o nome da embarcación que capturou o produto que leva á súa mesa. No ano 2019, a empresa conseguiu o selo de identidade oficial da Xunta ”Pesca deRías ¿de onde se non?”, que identifica as especies procedentes da pesca e marisqueo artesanal de baixura de Galicia, unha pesca que é sostible e respectuosa cos mares. Como demanda de marca, os produtos terán que cumprir co estrito requisito de frescura, calidade e cadea de frío, que garante un máximo de 24 horas entre a captura e a primeira venda.