A piques de rematar a mellora do Cemiterio Municipal de Torroso en Mos

A obra iniciouse a semana pasada e consiste na drenaxe pola parte traseira e na impermeabilización da cuberta de 3 grupos de panteóns

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto co concelleiro mosense da parroquia de Torroso e edil de Urbanismo e Patrimonio, Alberto Méndez, o presidente da Comunidade de Montes de Torroso, Camilo Grandal, e o arquitecto municipal, Manuel Toucedo; visitou o Cemiterio Municipal de Torroso, para supervisar os traballos que se están a acometer no cemiterio e que se iniciaron a semana pasada. A obra marcha a moi bo ritmo e prevese que quede rematada a semana próxima.

Nestes momentos os traballos atópanse en fase de desterre e limpeza da laxa superior, necesaria como preparación previa para poder executar a impermeabilización superior dos panteóns.

A mellora do cemiterio de Torroso consiste na drenaxe de 3 grupos de panteóns pola parte traseira dos mesmos, xa que existían filtracións de auga nos nichos. Deste xeito acométese a impermeabilización da cuberta dos 3 grupos de panteóns. Un dos grupos ten 75 metros cadrados de cuberta e os outros dous 48 metros cadrados cada un. O orzamento a investir nesta obra ascende a 25.000 euros, subvencionado íntegramente pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia.

Para elo asinouse un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o Concello de Mos para a execución do proxecto denominado drenaxe no Cemiterio Municipal da Gándara-Torroso.

A maiores desta obra, os veciños decidiron actuar tamén noutra zona para mellorala. Na devandita actuación, consistente en acometer a cuberta de varios panteóns, e que xa se atopa rematada, a Asociación Veciñal actuou como intermediaria, e o Concello realizou tamén a súa aportación, nesta obra que se acometeu a maiores da do drenaxe que está en execución agora.

Convenio coa Xunta
O proxecto denominado drenaxe no cemiterio municipal da Gándara-Torroso, ten como obxecto darlle solución inmediata aos problemas de filtracións e humidades nas sepulturas e nichos do cemiterio, co fin de evitar afundimentos. A mellora é especialmente importante para a zona máis antiga do cemiterio.

Así pois, o convenio de colaboración entre a administración local mosense e a Consellería de Presidencia responde ao interese público e social que representa a acción de fomento da execución dunhas actuacións imprescindibles para o normal funcionamento da entidade local.