Está a piques de ver a luz a obra “Raíces de futuro: triloxía atlántica de saúde ambiental”, froito de toda unha vida de compromiso, traballo e dedicación á saúde ambiental de Galicia e do planeta. O meu ideal sempre foi unha utopía necesaria: construír un mundo novo no que reinen a paz, a concordia e a igual dignidade de todos os seres humanos nun planeta saudable, sostible e resiliente; xa que non haberá paz entre os pobos do mundo se non hai paz coa natureza. A sostibilidade non é unha opción política, senón a estratexia principal para combater o cambio climático e as desigualdades sociais: é a única vía para a supervivencia da nosa especie.
A saúde ambiental é un todo indivisible e un ben superior. É a “raíz” que garante o futuro e o motor que asegura que cada ser humano, en calquera recuncho do mundo, sexa igual en dignidade. A miña traxectoria ensinoume que os desafíos ambientais non entenden de fronteiras nin de intereses políticos nin económicos. Por iso, desde este recuncho do atlántico, estreitamos lazos con Iberoamérica para unir continentes baixo o paradigma de Una Sola Saúde (One Health).
Tras case medio século de vocación de servizo público, presento esta obra como un tratado científico, unha folla de ruta política e un legado ético. Busquei a excelencia para que esta triloxía conecte a identidade atlántica coas solucións globais que o século XXI demanda. Deixo este legado como un mapa para o mañá, para que as xeracións futuras teñan presente que un planeta saudable é a base dunha humanidade libre, xusta e en paz. Cuidar a Terra é, en última instancia, o acto de amor máis profundo cara á humanidade.
“Tras case medio século de vocación de servizo público, presento esta obra como un tratado científico, unha folla de ruta política e un legado ético”
A triloxía consta de tres volumes, precedidos por quince achegas da gobernanza mundial, a ciencia e a Igrexa, xunto coa presentación do científico Eleuterio Martínez Alcántara. O primeiro, “Rumbo á saúde ambiental planetaria: claves ante as ameazas do século XXI, analiza os desafíos ambientais do século XXI e o camiño cara ao paradigma”. O segundo volume, “A sustentabilidade é o camiño de Galicia: desafíos clave 2050”, aborda os desafíos chave para un futuro verde coas liñas de actuación e propostas de mellora dunha política ambiental para Galicia, a sustentabilidade forestal, a radiografía termal e a balneoterapia como recurso de saúde, e Galicia como destino de excelencia turística sostible. O terceiro volume, “Gobernanza local e municipios saudables, sostibles e resilientes: 25 anos de acción ambiental en Galicia”, recolle testemuños de persoas e expertos de recoñecido prestixio do ámbito político, científico, empresarial, ecoloxista e da prensa de América, España e Galicia que participaron activamente no Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles 2000-2025.
Este logro colectivo constitúe o testamento coral dun fito histórico da gobernanza participativa: demostrar que o cambio é factible desde o municipalismo con visión global. Esta experiencia desenvolvida en Galicia, pioneira e única a nivel planetario, converteuse nun laboratorio de probas e nun faro de coñecemento para Iberoamérica e o resto do mundo; e déixanos tres certezas: a sustentabilidade é o único camiño, a acción local é global, e a concordia é a nosa meta. Desde Galicia, mobilizamos ao mundo na loita contra o cambio climático mediante o uso de enerxías renovables e a mobilidade eléctrica, a favor da economía circular na xestión das augas e dos residuos, e a protección da biodiversidade como escudo fronte a futuras pandemias. Un compromiso irrenunciable para garantir a saúde planetaria: o gran desafío da humanidade no século XXI.
Francisco Peña
Científico, académico, escritor e humanista.





