A pax dos BRICS.

Os acontecementos recentes na política internacional aprecian a posibilidade de abordar  unha negociación a gran escala que, eventualmente, permita viabilizar iniciativas de paz para por fin á guerra ucraína, desatascando así os canais diplomáticos por riba dos bélicos. E nestes acontecementos, o prisma dos BRICS impón o seu ritmo.

O pasado 17 de abril o ministro ruso de Exteriores, Serguéi Lavrov, visitou Brasil para falar co presidente Lula da Silva sobre a iniciativa chinesa de paz en Ucraína, presentada polo mandatario Xi Jinping durante a súa visita a Moscova en marzo pasado. Lavrov deixou unha mensaxe categórica: Rusia quere rematar ‘de inmediato’ coa guerra en Ucraína.

A receptividade de Lula e a aceptación internacional a súa intermediación en Ucraína está cobrando forza: o propio presidente ucraíno Volodymir Zelenski convidouno a visitar Kiev para que vexa a “realidade da agresión rusa”. Alén do sentido desta declaración é palpable que Kiev observa con atención as iniciativas de paz que están levando a cabo aliados de Rusia. Vladímir Putin tamén convidou a Lula para  asistir a un foro económico en San Petersburgo. Lula e Lavrov conxeniaron na construción dun “clube de paz” acusando a Washington de “fomentar o conflito” ucraíno. A xira de Lavrov continuou por Venezuela, Cuba e Nicaragua, aliados hemisféricos rusos.

Unha semana antes, Lula visitou China onde departeu co seu anfitrión Xi sobre o momento global, co foco na paz en Ucraína. Se observamos con atención, o retorno de Lula á presidencia está impulsando unha revitalización dos BRICS tomando en conta que tres dos seus membros (Brasil, Rusia e China) están levando a cabo iniciativas diplomáticas de paz para Ucraína que tamén conta co aval dos outros dous membros (India e Sudáfrica)

O notorio é o silencio de Washington e da OTAN ante estas iniciativas; un silencio inquietante tomando en conta que o propio Zelenski semella ver con bos ollos a mediación pacífista de Lula. Xa con anterioridade a Casa Branca desprestixiou o plan de paz de Xi argumentando ser unha presunta ‘tapadeira’ para asistir militarmente ao seu aliado ruso. O curioso é que levamos meses escoitando dunha inminente ofensiva militar para primavera que, salvo os cruentos combates en Bajmut, non se está apreciando. Washington e os seus aliados falan en linguaxe militar mentres os BRICS apostan pola diplomacia de paz.

“O notorio é o silencio de Washington e da OTAN ante estas iniciativas; un silencio inquietante tomando en conta que o propio Zelenski semella ver con bos ollos a mediación pacífista de Lula”

En todo isto pode tamén inserirse o ‘Pentagonleaks‘, a filtración de documentos do Pentágono realizados por medio dun novel oficial, Jack Teixeira (21 anos), quen revelou segredos militares estadounidenses tan comprometedores como, entre outros e o máis importante, a certificación da presenza de soldados da OTAN en Ucraína para loitar contra Rusia. Segredos comprometedores que tamén ilustran a situación no campo de batalla ucraíno, onde as forzas rusas tamén observan sinais de agotamento e de estancamento.

O ‘Pentagonleaks’ de Teixeira coloca á administración Biden ante un incómodo escenario que o eixe BRICS Xi-Lula-Putin está obviamente aproveitando para ofrecer non só iniciativas de negociación en Ucraína senón tamén para desmontar a narrativa mediática “antirrusa” trazada polo eixe atlantista dirixido dende Washington. O Kremlin tampouco perde o tempo para xogar as súas cartas no ‘patrio traseiro’ estadounidense. Se a xira de Lavrov revela que Rusia ten aínda aliados hemisféricos de importancia, a presenza na turbulenta Haití de membros do Grupo Wagner instrumentalizados polo Kremlin da a entender que as súas operacións alcanzan obxectivos xeopolíticos cada vez máis globais.

O Grupo Wagner non só opera en Ucraína e naqueles territorios que son esferas de influencia rusa a nivel euroasiático senón tamén en África Central. O seu líder, o oligarca Evgeni Prigozhin, tamén ‘aportou’ estes días o seu ‘grao de area’ sobre o que está pasando en Ucraína: pediu ao Kremlin a finalización da oficialmente denominada como “operación militar especial” asegurando que xa se “alcanzaron os obxectivos militares en Ucraína”.

Non sabemos se estes obxectivos realmente se alcanzaron ou se isto ten que ver coa situación de atasco dos combates e a percepción de desgaste e baleiramento dos stocks militares de ámbolos dous bandos (o ruso e o ucraíno apoiado pola OTAN), quizáis á espera de que o sempre poderoso lobby militar-industrial volve a recargarse. E nese paréntese pois quizáis mellor apostar por unha ‘negociación-tregua’ que permita revitalizar o comercio global e, ó mesmo tempo,  trazar o novo “Pano de Aceiro” en Europa do Leste con Ucraína repartida territorialmente de facto.

Polo pronto, os BRICS con Lula e Xi á cabeza trazan unha liña de paz para Ucraína. A pregunta é: terán éxito para convencer ao eixe EEUU-OTAN-Zelenski de que ‘a paz é o camiño’? Ou os espúreos intereses xeopolíticos amparados polo militarismo in crescendo a nivel global volverán a manifestar o seu peso? Non esquezamos que ademais de Ucraína existen outros focos conflitivos de actualidade (Sudán) e preventivamente futuros (Taiwán) toda vez as protestas multitudinarias (Francia, Israel) tamén revelan as turbulencias do panorama que estamos a presenciar.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.