A OTAN, Europa e a guerra.

A guerra é ese conflito social no que dous ou máis grupos humanos relativamente grandes chocan violentamente, preferentemente mediante o uso de armas de todo tipo, que adoitan producir destrución, danos materiais e mortes masivas.

A guerra é a forma máis grave de conflito socio-político entre dous ou máis grupos humanos. Actualmente, calquera conflito armado é moito máis grave que no pasado, porque agora as guerras son máis complexas, sofisticadas e mortíferas.

As guerras teñen como orixe múltiples causas, entre as que adoitan estar o mantemento ou cambio das relacións de poder, a solución de conflitos económicos, ideolóxicos, territoriais,… A guerra é un instrumento político máis ao servizo dos estados ou calquera outra organización con fins eminentemente políticos, porque como afirmaba Carl von Clausewitz: “A guerra é a continuación da política por outros medios”.

O prezo da guerra mídese en destrución, danos materiais e económicos, e sobre todo en vidas humanas. Sábeno ben en Ucraína, pero tamén en Libia, Afganistán, Iraq, Iemen, Siria… En Iraq, os mísiles dos Estados Unidos e da OTAN en nome da liberdade deixaron un ronsel de sangue, morte e destrución entre os que, paradoxalmente, pretendían liberar. Abominábeis crimes impunes que a Alianza Atlántica nunca quixo esclarecer.

Uns días antes de que os dirixentes da OTAN se reúnan en Madrid baixo estritas medidas de seguridade, hai que lembrar que o Tratado do Atlántico Norte foi fundado o 4 de abril de 1949, hai 73 anos por unha coalición de países capitalistas occidentais, liderada polos Estados Unidos. Foi deseñada como organización de cerco militar, agresión, ataque e guerra contra a antiga Unión Soviética e os países da entón chamada Cortina de Ferro.

“A OTAN foi concibida como un instrumento de agresión por parte do campo imperialista que pretendía reconstruír as súas forzas baixo o liderado estadounidense”

A OTAN foi concibida como un instrumento de agresión por parte do campo imperialista que pretendía reconstruír as súas forzas baixo o liderado estadounidense, para aplicar a súa política agresiva en todos os eidos. Economicamente a través de institucións como o FMI e o Banco Mundial; politicamente a través de diferentes organizacións rexionais, a alianza occidental aliñouse en orde de batalla e fortaleceu o seu sistema fundando militarmente a OTAN.

Actualmente, Europa cae rendida perante os Estados Unidos e a OTAN. Dezaoito novos estados uníronse aos doce países asinantes do Tratado de Washington en 1949. Hoxe concentran o 52 por cento do gasto militar mundial. E a decisión dos Estados Unidos e conxunto de países europeos de enviar mísiles e gran cantidade de material militar a Ucraína deixa ao descuberto o papel subordinado da Unión Europea, que só consegue seguir os pasos marcados polo Pentágono que, como é habitual, organiza guerras fóra do seu territorio.

“Actualmente, Europa cae rendida perante os Estados Unidos e a OTAN”

Para rematar, gustaríame dicir que esta fábrica de guerra, destrución e morte que representa a OTAN apoderouse do panorama europeo. E a culpa disto é dos mediocres e submisos dirixentes que ocupan os postos de maior responsabilidade nos países da Unión Europea e o conxunto de dirixentes e outros lacaios que moven os fíos do resto das institucións europeas, pero tamén da poboación que asume acriticamente os postulados ditados por eses dirixentes anódinos e mediocres. E o peor é que un deses dirixentes, Pedro Sánchez, afirmou publicamente que España aposta por chegar ao 2% do gasto militar en 2030.

Malas novas para Europa e a paz mundial.

Óscar Lomba é avogado e político galego. Licenciado en Dereito económico e diplomado en Maxisterio. Colabora habitualmente en diversos medios de prensa escrita. Membro de ESCULCA. Foi asesor xurídico da Plataforma de Afectados pola Hipoteca. Membro de ProLingua. Foi presidente e voceiro de SOS PXOM.