A oposición de Ponteareas esixe explicacións sobre o uso dos fondos europeos da EDUSI

A iniciativa foi rexistrada polo BNG, ACIP, PSOE e PeC

Ponteareas | Os catro grupos políticos da oposición de Ponteareas (BNG, ACIP, PSOE e PeC) rexistraron unha iniciativa conxunta para solicitar ao goberno local a convocatoria urxente da comisión de seguimento da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado.

As portavocías dos catro grupos sinalaron que esta estratexia, grazas á que Ponteareas logrou 5 millóns de euros de fondos europeos, “afronta a súa fase final, con algunhas accións en execución e con outras tramitadas pero aínda pendentes de iniciar.

A data límite para realizar investimentos que se poidan xustificar con cargo a estes fondos remata o vindeiro 31 de decembro”, advirten.

“Dende o inicio deste mandato, a raíz das modificacións realizadas polo goberno local nos proxectos que estaban en marcha, dende a oposición solicitouse a convocatoria desta comisión para analizar a situación de cada unha das operacións e o seu estado de execución. Malia comprometérense a facelo sen demora xa no mes de xullo, a día de hoxe nin se convocou a comisión nin se facilitou a información aos grupos da oposición”, sinalan nun comunicado conxunto.