A ONU condena ao Estado español.

Cadernos da viaxe.

O Comité de Dereitos Humanos da ONU ven de condenar ao Estado español por violar o dereito á participación política do president Carles Puigdemont recoñecido no artigo 25 do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, que interpreta, consonte coa Constitución española, o contido do mesmo dereito recoñecido no artigo 23.2 da nosa Carta Magna.

Segundo o devandito Comité a suspensión automática de Puigdemont como deputado ao Parlament de Catalunya (eleito nas eleccións do 19-D de 2017) ao ser procesado polo delicto de rebelión em xullo de 2018, malia estar prevista no artigo 384 bis da Lei de Axuizamento Criminal (LACRIM), atentou contra dos seus dereitios fundamentais pola súa falla de razonabilidade, obxectividade e proporcionalidade.

A decisión da ONU é plenamente vencellante para o Estado español (como se fose unha sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos), que haberá publicitar a mesma e adoptar as medidas de reparación que cumpran nos vindeiros seis meses. Como xa foi disolto aquel Parlament semella que o único xeito de reparación é a propia modificación do artigo 384 bis da devandita LACRIM que arestora suspende automáticamente no cargo ou función pública á persoa para a que se decrete procesamento e prisión provisional por delictos de rebelión, terrorismo ou vencellados con banda armada.

“A decisión da ONU é plenamente vencellante para o Estado español”

Precisamente a ONU constatou a fasquía pacífica da conduta do president e, xa que logo, a falla absoluta de encaixe da mesma no obxecto preventivo desta norma, imposta pola maioría absoluta do PSOE “ad hoc” no 1987 para que os presos de ETA aínda non condenados con carácter deifnitivo non puidesen ser deputados nin concelleiros.

Esta decisión é totalmente aplicábel aos demáis deputados do Parlament, do Europarlamento e do Congreso a respecto dos que se acordou a súa suspensión polo seu procesamento e prisión provisional acordados polo Tribunal Supremo no xuizo do procès. Acusación por rebelión que en último de contas foi mudada na condena a un delicto hoxe inexistente e entón alleo ao acervo xurídico europeo (a sedición) mais que serviu daquela para impedir antes da sentenza a actuación político-representativa dos principais dirixentes independentistas.

A decisión coincide co rexeitamento da xustiza suiza a colaborar coa xustiza española na pescuda das condutas de protesta do chamado tsunami democrático que ocupou o aeroporto barcelonés e as rúas de Catalunya en outubro de 2019, despois de se coñecer a sentenza condenatoria do Tribunal Supremo aos presos políticos do procès. Velaí que estas dúas novas nos advirtan de determinadas prácticas iliberais da democracia española, que a limitan substancialmente na súa calidade. Prácticas relacionadas con ideloxías extremistas como a do Fidesz húngaro de Viktor Orban en canto asumen a promulgación de normativa de excepción e/ou a aplicación discriminatoria da legalidade para castigar determinados colectivos que son considerados alleos ou perigosos a respecto da unidade do Estado e defender deste xeito o que é para o deep state o único importante: manter á forza a España unitarizada.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.