A Oficina Agraria de Sarria está en reformas

Unha unidade móbil garante o servizo
Os traballos teñen un orzamento próximo aos 50.000 euros.

Sarria | A Consellería do Medio Rural vén de iniciar esta semana obras de mellora na Oficina Agraria Comarcal de Sarria, nas que inviste 48.400 euros para actuar principalmente na fachada e na planta baixa, onde está a zona de atención ao público.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a Oficina Agraria Móbil que está instalada estes días no campo da feira -en principio durante esta semana-, para garantir o funcionamento do servizo mentres duren as reformas.

Os traballos, que comezaron onte, favorecerán a accesibilidade mediante a ampliación da rampla de entrada para adecuala á normativa actual e inclúen a instalación de portas de apertura automática.

Co fin de mellorar a eficiencia enerxética actuarase na envolvente térmica; substituiranse carpinterías exteriores e dotarase a planta baixa dun sistema de ventilación. Tamén se reforzará a instalación eléctrica, entre outros traballos.

Arias apuntou que o proxecto enmárcase no Plan integral de reestruturación e optimización das Oficinas Agrarias Comarcais (OAC) iniciado pola Xunta, que inclúe tanto actuacións de optimización de tipo organizativo e funcional como de mellora das infraestruturas.

Oficina Agraria Móbil
Na Oficina Agraria Móbil pódense facer xestións que se desenvolven habitualmente en calquera oficina agraria comarcal, como trámites relacionados co servizo veterinario ou xestión de axudas.

A Xunta puxo en marcha esta unidade como un elemento máis da rede de oficinas agrarias espalladas por todo o territorio galego, polo que todas as instalacións físicas actuais permanecerán abertas.

O novo dispositivo servirá para cubrir as necesidades xurdidas naqueles emprazamentos onde por mor das obras non se poida acceder ás oficinas agrarias comarcais físicas, a maiores do seu cometido principal de desprazarse aos lugares onde non existen este tipo de instalacións.