A nova cámara web permitirá coñecer en tempo real as condicións meteorolóxicas de Monforte

Instalada por Meteogalicia na Torre da Homenaxe

Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, inaugurou a nova cámara web instalada por Meteogalicia na Torre da Homenaxe e que permitirá coñecer en tempo real as condicións meteorolóxicas de Monforte. En concreto, a cámara foi ubicada na cima do muro que rodea a Torre da Homenaxe, orientada cara os Escolapios.

A cámara web é a última das tres instalacións deste tipo ubicadas en Monforte, tras a instalación dunha Estación meteorolóxica na Pinguela, e dunha Pantalla de información meteorolóxica e de calidade do aire, no Campo de San Antonio anexa á Casa do Concello, todas elas demandadas mediante petición formal que efectuou o Alcalde monfortino a Meteogalicia en 2015, petición que foi atendida coa instalación dos referidos elementos en febreiro (Estación meteorolóxica de A Pinguela) e xuño de 2019 (Pantalla de información meteorolóxica), e recentemente en maio de 2021 a referida cámara web.

“Monforte conta, por primeira vez, con todas as ferramentas necesarias para que os nosos cidadáns poidan coñecer os aspectos relacionados coa meteoroloxía da cidade”

“Monforte conta, por primeira vez, con todas as ferramentas necesarias para que os nosos cidadáns poidan coñecer os aspectos relacionados coa meteoroloxía da cidade e saber en tempo real os datos relacionados co clima e a meteoroloxía do noso Concello. Estas tres instalacións permiten que a nosa cidade se sitúe ó mesmo nivel de información climática que o resto das cidades de Galicia”, salienta o alcalde monfortino.

“Non era lóxico que cando se daban datos do tempo meteorolóxico referidos a Monforte, foran procedentes de concellos limítrofes que diferían bastante dos da nosa cidade, dado que todos os Concellos de arredor teñen unha altitude bastante máis elevada, e iso fai variar as temperaturas, a humidade ou a velocidade do vento” recordou Tomé Roca.