A N-551 en Tui poderá converterse en tramo urbano

Permitirá a construción de empresas, espazos comerciais e vivendas

Tui | O Concello de Tui considera de vital importancia o cambio na delimitación como tramo urbano da N-551 en Areas o que convertera este treito de estrada en zona urbana, e permitirá o crecemento do municipio nesta zona coa construción de empresas, espazos comercias e vivendas ao reducirse de 50 a 25 metros a afección.

Arestora, e por un período de 30 días, está sometida a información pública a resolución do Ministerio de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana pola que se aproba provisionalmente o “Estudo de delimitación de tramo urbano e modificación da liña de límite de edificación na N-551 entre os pp.kk. 0+150 a 1+900” en Tui.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que é “una noticia importante, porque nos vai permitir viabilizar en todo ese tramo de estrada actuacións de ámbito urbano que doutro xeito non poderiamos levar a cabo”. Engade o mandatario que “de aprobarse definitivamente suporá que a afección neste tramo urbano da estrada pasará dos 50 metros actuais a 25, co que se viabilizarán posibles construcións de vivendas, negocios ou superficies comerciais, que até o de agora non era posible executar”.

O rexedor tudense explica que foi o propio concello quen se dirixiu por escrito ao Ministerio solicitando este cambio. Unha modificación que reiterou o propio Enrique Cabaleiro na reunión que o pasado 12 de xaneiro mantivo en Madrid co director General de Carreteras, Javier Herrero.

O Concello de Tui realizou un estudo para tratar de facer unha nova delimitación considerando ese tramo entre o coñecido coma o cruce do Parador na Avenida de Portugal, e o GADIS, en Areas, como travesía urbana. Ese documento foi trasladado ao Ministerio que iniciou os pertinentes trámites administrativos.

Este Estudo de Delimitación sométese agora durante 30 días, tras a súa publicación no BOE, a información pública para que as persoas interesadas poidan presentar alegacións. De non presentarse alegacións considerarase aprobado definitivamente. Tamén enviaron notificación ao propio Concello de Tui e á Xunta de Galicia para que emitan informe.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, avanza que o seguinte paso a dar, tras conseguir esta delimitación como tramo urbano, será traballar de cara á humanización deste treito de estrada por parte do Ministerio, de forma previa ao traspaso de competencias sobre o mesmo ao Concello de Tui. Así llo trasladou xa o pasado mes de xaneiro ao director General de Carreteras, Javier Herrero, na reunión que mantiveron en Madrid onde lle confirmaron a “inminente licitación” da humanización do tramo da avenida de Portugal dende a vella Ponte Internacional até a intersección coa N-551.

Campaña “Tui é un amor. Namórate de Tui”
O Concello de Tui recupera con motivo de San Valentín a campaña “Tui é un amor. Namórate de Tui” que se puxo en marcha no ano 2020 con dobre obxectivo. Por unha banda a dinamización comercial da cidade pero tamén a súa promoción turística.

SanValentin

A campaña baséase en dúas accións centrais. Por unha banda está a decoración das rúas con pezas vinculadas co tema do amor coma as palabras “Amor”, “Love”, ou “Tui” e co banco do amor e pérgola do amor, que se estrearan hai dous anos. Amais nesta ocasión engádese un sorteo de 10 vales de compra por valor de 30€ cada vale, para premiar as compras no comercio local participantes. Así a través das asociacións locais ACITUI e EMPRETUI, entrégase cartelería e as rifas a todos os establecementos que expresamente soliciten participar na campaña.

Así, entre o 7 e o 14 de febreiro, os clientes dos locais participantes que consuman 10€ no comercio e 5€ na hostalería recibirán a súa rifa para entrar no sorteo que se realizará o venres, 25 de febreiro, ás 12 h na Radio Municipal de Tui. Para recibir o premio deberán presentar o tícket de compra correspondente. Os vales de compra poderán consumirse nos establecementos participantes que se poderán consultar na web www.tui.gal o martes 15 de febreiro.

A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, sinala que “Tui é un amor. Namórate de Tui” ten por obxectivo “incentivar as compras no comercio local, así por unha banda convida aos visitantes a vir coñecer Tui e a namorarse de todo o que esta cidade lle ofrece, e doutra banda lanza unha mensaxe directa á cidadanía do importante que é coidar o noso e demostrarlle a Tui que a queremos”. Lembra Ana Núñez “ao comerciante o importante de esforzarse por namorar e enfeitizar aos seus clientes cos seus produtos, atención e servizos”.

Dende o Concello de Tui agradécese a colaboración nesta campaña das dúas asociacións de comerciantes de Tui, ACITUI e EMPRETUI.