A musicóloga e escritora Esther Sestelo Longueira, pregoeira do Corpus 2022

Destacando a calidade das alfombras e o significado artístico e relixioso destas festas

Ponteareas | A pregoeira do Corpus 2022, a musicóloga e escritora Esther Sestelo Longueira, fixo un percorrido pola historia “desta festividade que une dúas manifestacións que definen a miña vida e mostran o que son: a arte e a relixión”

Conta que cando a convidaron a participar na revista Pregón alá polo ano 2000 un impulso levouna a cambiar o tema que tiña en mente, os Ranchos de reis, polas “marabillosas e singulares alfombras florais do Corpus de Ponteareas. Entre outras cousas porque esta festividade une dúas manifestacións que definen a miña vida e mostran o que son: a arte e a relixión”.

Con esta historia comezaba o seu pregón neste Corpus 2022 a musicóloga e escritora Esther Sestelo Longueira, que fixo un percorrido pola historia desta festa da que “datos antropolóxicos e históricos recentes amosan a Galicia como un dos puntos principais e máis antigos nesta celebración relixiosa e artística tradicional”.

“As nosas alfombras florais acadaron uns niveis de perfección técnicos e artísticos tan elevados e novidosos que nós, sen dúbida, podemos darlle o título das mellores. As e os nosos alfombristas son verdadeiros mestres desta arte e exercen verdadeiro maxisterio, verdadeira pedagoxía con quen ven de fóra a estudar as nosas técnicas e materiais e tamén levando ese bo facer a outros lugares de España e do mundo”, salientou a pregoeira.

A musicóloga quixo render “a miña homenaxe máis sincera a todas as persoas que colaboran neste quefacer artístico marabilloso: quen deseña as alfombras, as debuxa, consegue e colecta o material, quen o esfolla, quen cede coches e casas para estes menesteres, que se agacha e se pon de xeonllos para a súa elaboración….”.

Visibelmente emocionada, a pregoeira quixo dedicar unhas verbas á súa tía Mª Josefa Sestelo polas máis de tes décadas dedicada ao deseño creativo da alfombra da rúa de Abaixo, así como agradecer no seu nome e no de toda a súa familia a concesión en 2019 ao seu pai, Alfredo Sestelo, da Medalla do Corpus. Porque “aínda que oriúndo do Porriño por nacemento, foi ponteareán de corazón, devoción e convicción”.

Unha devoción que ela mantén no tempo. “Para min as alfombras florais do Corpus de Ponteareas son unha imaxe quasi impresionista que ten que ser visualizada dende lonxe para apreciala en toda a súa dimensión. Dende a elevación dunha fiestra ou dun típico balcón percibimos a imaxe, sentimos o aroma penetrante da flor, a bruma sutil dos pétalos pulverizados horas antes para modificar o seu peso e poñerllo difícil á brisa incómoda”, asegurou a musicóloga.

Para Sestelo “ese contacto co feito artístico, coa arte, coa beleza, vainos transformando, elévanos”. “A arte significa humanidade, espiritualidade, transcendencia, esforzo, perfección, colaboración, empatía, xenerosidade… É compromiso coa liberdade, de tolerancia, de cambio, de tradición, de vangarda… Nestes tempos de crise, de pandemias, de invasións e de guerras, a arte é das poucas cousas que nos reconcilian co ser humano”.

Son moitos deses valores os que se trasladan á festividade do Corpus Christi de Ponteareas e á súa arte efémera na que tras meses de preparativos a veciñanza traballa unida “como se dunha orquestra ben afinada e sincronizada se tratase” e abren as portas ás e aos foráneos “con profunda xenerosidade facéndoos sentir un máis desa gran familia, interpretando todas e todos xuntos unha preciosa sinfonía de cores e perfumes, onde os nosos sentidos vibran ante tanta beleza”.

A escritora rematou o seu pregón recalcando a importancia de que “sigamos orgullosos e orgullosas desta festividade, deste espírito do Corpus, para que esta tradición non se perda e que as xeracións vindeiras saiban respectala, conservala e valorala”.

“O Corpus e Ponteareas configuran o mellor tándem. Ponteareas deixaría de ser o que é se algún día se esquece do Corpus e da súa orixe. O pasado, o presente e o futuro teñen e poden convivir, precisamente, a través do entendemento e da harmonía que nos achega a todos e toda a festividade do Corpus”.

A mellora e conservación desta tradición, sempre no noso pensamento
Durante o acto, celebrado na sala multiúsos do auditorio municipal, a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, antes de dar paso á pregoeira recalcou o agradecemento do Concello ao colectivo alfombrista a proximidade, o apoio e o asesoramento, así como “ese traballo colectivo e organizado que implica a noite na que Ponteareas non durme para poder mostrar ao mundo enteiro, veciñanza e visitantes, as nosas alfombras florais”.

“Debemos levar no noso pensamento de xeito constante a mellora e conservación desta tradición e o contacto e apoio permanente a todas as persoas que traballades todo o ano para mostrar esta arte efémera, o que fai que podamos superar, ano tras ano, todas as expectativas que provoca o espectáculo da vosa creación, sempre cun traballo diferente e reinventando no que cada un de nós deixa o mellor de si”.

A rexedora salientou tamén que “alcaldes e alcaldesas anteriores estarán orgullosos dos avances conseguidos en todo este tempo na promoción da festa; no impulso económico que estes días, cada vez máis, proporcionan a sectores como a hostalaría, o comercio ou os servizos, que se benefician do maior número de visitantes que temos ano tras ano; ou do recoñecemento dun patrimonio inmaterial que como ponteareáns nos representa. Eu síntome orgullosa de continuar este traballo iniciado por moitas outras persoas atrás e asumo a responsabilidade de engrandecelo máis se cabe”.

Por outra banda, Fernández Davila agradeceu á pregoeira “que aceptara a proposta dende o primeiro momento, poñendo en palabras, sentimentos e emocións vividos xunto coa súa familia, e sobre todo co pasamento do seu pais, que de seguro estará orgulloso do papel de embaixadora do Corpus que recolle a partir de agora”.

O acto contou coa participación de numerosas autoridades, como a presidenta da Deptuación de Pontevedra, Carmela Silva; a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias; ou membros da corporación municipal; ex rexedores e representantes de alfombristas.

Outros artigos