
Salceda de Caselas | A banda cultural de Salceda volveu participar no Festival da Luz de Boimorto, neste caso convidando ao grupo folk Donicelas, presentando con elas un espectáculo conxunto cun grande éxito entre o público asistente. Para a banda de música era a súa segunda participación neste festival, logo de facelo no ano 2024 na compaña do compositor valenciano Pere Vicalet. Nesta ocasión a agrupación escolleu como compaña a outro grupo local, Donicelas, con tres discos no mercado e máis de 30 anos de traxectoria na música tradicional.
O Concello de Salceda colaborou co concerto sufragando os arranxos musicais para banda das pezas do grupo Donicelas, realizados por Andrés Álvarez. O resultado non puido ser mellor; un espectáculo de máis de unha hora de duración onde se puxo en valor o potencial musical de Salceda de Caselas, e onde unha vez máis a banda de música buscou a participación doutros colectivos salcedenses que sen dúbida resultou todo un acerto.
A alcaldesa de Salceda xunto con parte do grupo de goberno acompañou ás dúas formacións no festival. Loli Castiñeira quixo trasladarlle os parabéns polo éxito colleitado: “a música sempre foi o eixe vertebrador da política cultural do noso Concello. Foi todo un orgullo gozar deste concerto en Boimorto nun festival que representa os valores do rural, o coidado da lingua e o apoio á música da terra, como o fan tanto a Banda Cultural como as Donicelas. Os meus máis sinceros parabéns ás dúas agrupacións por levar o nome de Salceda ben alto”.




