A mocidade ponteareán, contra o consumo de drogas

Campaña impulsada en colaboración co Concello e a asociación xuvenil Mentes Novas

Ponteareas | O Concello continúa mantendo a súa estreita colaboración co grupo de participación infantil e xuvenil de Ponteareas, Mentes Novas, implicando así á infancia e mocidade da vila en múltiples aspectos do devir do municipio.

A alcaldesa, Cristina Fernández; o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó; e a concelleira de Igualdade, Verónica Carrera, mantiveron un encontro a pasada semana con varias e varios integrantes de Mentes Novas para afondar nunha nova proposta na que mozos e mozas levan traballando varios meses.

Trátase da posta en marcha dunha campaña de prevención do consumo de drogas entre a xente nova na que se aborden ademais os efectos nocivos que estas producen nas persoas. Como sinala a rexedora, o obxectivo que Mentes Novas quere conseguir con esta campaña é “concienciar á poboación máis nova sobre os efectos que produce este tipo de consumos tanto a nivele físico como mental”.

Para conseguilo, este grupo de participación infantil e xuvenil de Ponteareas gravará un vídeo no que implicarán a persoas de ámbitos moi diferentes para que expliquen ou expoñan os seus coñecementos arredor desta temática. Con esta campaña, Concello e Mentes Novas “porán a disposición dos centros de ensino unha ferramenta única que permitirá achegar ao maior número de xente nova posíbel información veraz e de calidade sobre esta temática dun xeito ameno e directo”, como sinalaron Bouzó e Carrera.

Esta colaboración é unha mostra máis da importancia que ten para o Concello de Ponteareas a infancia. A vila do Tea está recoñecida dende o ano 2021 como Cidade Amiga da Infancia polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, a Federación Española de Municipios e Provincias, o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) e Unicef España.

Trátase dun recoñecemento ao exercicio de responsabilidade feito polo Goberno municipal do BNG-PSOE para poñer no centro das decisións políticas a un grupo de poboación que é presente e futuro da sociedade: aos nenos, nenas e adolescentes.