Manuel Herminio Iglesias | A visita do Papa León XIV deixounos unha mensaxe cargada de humanidade e de tolerancia. O arrecendo positivo desta visita puxo por riba das nosas conciencias realidades das que se poden extraer algunhas lecturas, dado que deixan ó descuberto contradicións importantes na vida de moitos que se din cristiáns e que a día de hoxe son practicantes. A principal mensaxe na que fixo moito fincapé foi no grande problema da emigración e o referido ó trato que se lle dá a esa xente que busca mellores forma de vida fuxindo de países onde a violencia ou as carencias económicas impiden ter unha vida minimamente digna.
Esta mensaxe contraponse cos feitos que hoxe acontecen en parte desta vella Europa onde os emigrantes pasan de seren cidadáns a estaren sinalados como delincuentes que soamente veñen a estas terras a crear inseguridade. Emigrantes ós que se pretende levar a terceiros países a cámbeo de pagarlle ós estados que os acollen en recintos pechados cantidades de cartos. E todo pra acalar un clima de desordes e violencia contra esta xente, e sempre amparado por forzas políticas conservadoras que chegan a acordos coa extrema dereita e que poñen por diante a chamada prioridade nacional, o que implica marxinación e segregación.
“O mundo no que vivimos non se fixo unicamente a partires unha única raza”
O mundo no que vivimos non se fixo unicamente a partires unha única raza. Non. Os seres humanos foron creando sociedades a través das relacións humanas e comerciais entre iguales e diferentes, e a mestizaxe foi e segue a ser moi importante nesta terra. E dese xeito chegamos á sociedade actual, onde naide é dunha raza pura. Onde a diversidade de credos e formas de vida diferentes, fraguaron o que hoxe temos de positivo e tamén de negativo. O fundamento no que se basea á extrema dereita e que a dereita caladamente ampara e non se di é o poder dunha raza sobor das demais. Ou sexa, o que se chama supremacismo branco.
Os perigos da IA
Na Arxentina de Milei, este estrambótico e tolo presidente, pretende que no seu pais se instalen moitas empresas da IA. E pra iso pretende darlle todas as facilidades, pois di que coa IA crearanse empresas non humanas gobernadas por robots; empresas que non terán personalidade xurídica e que tomarán decisións que nos afecten a todos. Pola contra Yuval Noah Harari escritor e profesor dunha universidade importante nun artigo moi extenso publicado en distintos medios americanos, di que sen control nin medo ás sanción e á cadea dos responsables destas empresas non humanas, a humanidade está en perigo. Logo di: pois estas empresas venden ideoloxía, polo que sen controles humanos, e sen normativa ética son un perigo para a manipulación da xente. Tamén o Papa León na súa encíclica Magnifica Humanitas fala do perigo sen control da Intelixencia Artificial.
En fin, a lección de humanismo cristián que deu o Papa na súa visita a España é unha guía que serve pra que pensemos e tomemos consciencia do valor dos principios nos que actualmente sustentan a humanidade, que non son outros que os dereitos de todos os seres humanos, e a aposta de que a xente está sempre por riba da maquina. Polo que manda un aviso: o mundo corre un perigo de non ter un control ético e moral das tecnoloxías vinculadas a IA cuestión que é moi perigosa.




