A lingua reinvéntase na Gala da Poesía en Ponteareas

Este sábado 25 na Sala Multiusos do Auditorio Municipal

Ponteareas | A lingua e a literatura serán as grandes protagonistas esta fin de semana da Gala da Poesía, un encontro organizado polo Concello no que conmemorar aos grandes autores e autoras ponteareás e dar visibilidade a escritoras e escritores noveis.

A sala multiúsos do auditorio municipal acollerá este sábado 25 de marzo un acto aberto a todo o público no que se entregarán os premios do Certame de poesía e relato ilustrado Emilia Estévez Villaverde, uns premios cos que se buscaba “visibilizar a figura desta escritora pioneira ponteareá a través da palabra e da ilustración”.

O certame, dirixido a alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria e a mocidade de entre 13 e 18 anos, valoraba especialmente a calidade literaria dos traballos, a orixinalidade e o uso correcto do galego.  “É un orgullo ver a gran participación dos nosos rapaces e rapazas nesta iniciativa, unha implicación que nos permite poñer en valor o nome a e a obra de Estévez Villaverde, unha autora de recoñecido prestixio que foi caendo no esquecemento e que dende o Goberno municipal queremos recuperar e reivindicar”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

A gala comezará ás 19.00 horas e contará tamén coa actuación de Aldaolado, un dúo poético-musical que realiza unha mestura de poesía con humor e música de carácter transgresor nun exercicio de comunicación directa co espectador e espectadora. Un espectáculo que se move entre o recital, o concerto e a narración de contos e historias centrados nas aventuras e desventura dos e das poetas que fará as delicias do público. A entrada será de balde ata completar aforo.