O artigo 2.3. da Constitución española establece que “a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial repeto e protección”. Os estatutos dos territorios con lingua propia propia quedaron facultados para lexislar sobre esa aludida protección. Mais ese reparto competencias non exime ao Estado de asumir a parte alícota que lle corresponde no fomento de medidas de política lingüística.
O Real Decreto 798/2025 crea e regulamenta o Consello das Linguas Oficiais e a Oficina para as Linguas Oficiais, dispoñendo que “a oficinalidade de ditas linguas vencellará,xa que logo, a todos os poderes públicos no territorio, incluída a Administración Xeral do Estado”. O Tribunal Constitucional nunha sentenza de 1986 xa advertira o obrigado recoñecemento da pluralidade lingüística.
“A Irmandade Xurídica Galega vénse manifestando nesa liña doutriñal, de aí que alertase moitas veces das desacertadas opinións que non interpretan correctamente o alcance da cooficialidade”
A Irmandade Xurídica Galega vénse manifestando nesa liña doutriñal, de aí que alertase moitas veces das desacertadas opinións que non interpretan correctamente o alcance da cooficialidade. É certo que as competencias en defensa do patrimonio cultural son maioritariamente da Xunta de Galicia; pero tamén das corporacións locais nas que podemos observar o escaso uso da lingua galega das respectiva policias locais,e tamén doutros organimos autónonomos. A teor do preceptuado pola Lei de Normalización están obrigados a desenvolveren políticas lingüísticas propias (“os poderes públicos de Galicia adoptarán as medidas oportunas”…). Neste senso cómpre salientar a iniciativa promovida pola Irmandade Xurídica Galega o pasado ano para que Xunta de Galicia e Ministerio de Xustiza asinasen o acordo de galeguizar o programa informático Atenea.
Con estes fundamentos xurisprudenciais e lexislativos, a Irmandade Xurídica Galega celebrará o próximo día 9 de xullo, ás 18:30, no Paraninfo da USC un acto de sinatura da “Declaración sobre o uso das linguas oficiais nas relacións entre a cidadanía e as forzas e corpos de seguridade do Estado”, coa presenza de representantes cualificados do Goberno central do que dependen os da Policía Nacional, Garda Civil, Servizo de Vixianza Aduaneira e Policía Autonómica. Tamén participará a Fegamp, que engloba a todos os concellos que teñen policiais locais, e a Fiscalía Superior de Galicia. O IMELGA, que o ano pasado tramitou máis de 34.000 pericias forense, estará representada pola Xunta de Galicia. Ese caudal documental potenciará a presenza do noso idioma nas institucións que os tramiten.
A Irmandade Xurídica Galega, que articulou este acordo coa Delegación do Goberno e Xunta de Galicia, pretende que as FCSE, recoñezan a oficialidade lingüística do galego, “promovendo e facendo normal o uso do galego, tradicionalmente excluído, nas relación orais e escritas coa cidadanía, incorporando a lingua galega na tramitación dos procedementos administrativos nos informes da Policía Científica que teñan por destinatarios as Seccións de Instrución dos Tribunais de Instancia dos Partidos Xudiciais de Galicia”. A participación e implicación de dona Aïna Calvo Sastre, Secretaria de Estado de Seguridade, é a mellor garantía do éxito deste acordo.
Este compromiso inclúe tamén “tomar a iniciativa en galego para atender chamadas, iniciar conversas e procedementos, sen prexuízo do dereito que asista á cidadanía a relacionarse e optar por calquera das linguas cooficiais. Neste sentido asumimos o compromiso de tomar declaracións ás persoas interesadas na lingua da súa elección e a empregala para a redación escrita da mesma”.
Para todo isto cómpre adecuar os procedementos informáticos de uso nas oficinas policiais. As institucións asinantes, ao tempo, comprométense á formación contínua e respeto do coñecemento do galego oral e escrito, asi como dos dereitos lingúísticos da cidadanía nas súas relacións coas FCSE,facendo fincapé na importancia que ten neste proceso a Academia Galega de Seguridade Pública da Xunta de Galicia.
Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.





