
Ponteareas | O Concello abriu a licitación as obras de renovación integral do campo de fútbol do Rabel, situado no lugar da Porteliña, na parroquia de Santiago de Oliveira, cun orzamento de 409.998,57€ (IVE incluído), cunha subvención de 185.000€ da Deputación. As empresas interesadas poderán presentar as súas propostas exclusivamente por medios electrónicos ata o 9 de decembro.
O proxecto contempla a instalación dun novo terreo de xogo de céspede artificial dunhas dimensións aproximadas de 105 metros de longo por 64 de ancho. Contará con sinalización regulamentaria tanto para fútbol 11 como para dous campos transversais de fútbol 7, o que permitirá multiplicar as posibilidades de uso do recinto. Tamén se prevé a instalación dunha nova rede de drenaxe e recollida de augas pluviais, sistema de rega automática, a renovación das proteccións e varandas perimetrais, a construción dunha beirarrúa arredor do campo, a dotación de novo equipamento deportivo, e a execución das canalizacións e cimentacións para mellorar o sistema de iluminación.




