A licitación a renovación de dúas plataformas elevadoras da praza de abastos de Ponteareas

Por un importe de máis de 133.000 euros ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023

Ponteareas | O Concello traballa na renovación interior da praza de abastos de Ponteareas, un edificio construído na década dos 70 con tres plantas de uso comercial de máis de 1.200 metros cadrados cada unha.

O Goberno local vén de sacar a licitación a renovación das dúas plataformas elevadoras para transporte de mercadorías que van dende o soto ata as diferentes plantas, dous ascensores hidráulicos “nos que se detectaron na última revisión unha serie de deficiencias tanto na plataforma como na estrutura de soporte, danos causados principalmente pola corrosión”, como explican dende a Concellaría de Promoción Económica.

Con esta actuación procederase á substitución dos equipos elevadores por aparatos de transporte vertical exclusivo de mercadorías con paradas fixas e con guías ríxidas, sen dispositivos de mandos no interior do habitáculo e preparados para unha carga máxima de 750 kg cada unha. A renovación manterá a situación actual das plataformas dentro das instalacións da praza de abastos e axustarase ao oco existente.

O proxecto de renovación de plataformas elevadoras de praza de abastos sae a licitación por un importe de máis de 133.000 euros que serán financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra.

As obras terán un prazo de execución de dous meses. As persoas e empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro martes 11 de outubro.

Promesas do deseño e modelos
Os voluntarios e voluntarias municipais seguen traballando para converter Ponteareas nunha gran pasarela para novas e novos creadores. As e os participantes no programa Mocidade Viva buscan persoas interesadas en participar no primeiro desfile de moda organizado ao abeiro desta iniciativa que procura promover o lecer saudábel e alternativo entre rapazas e rapaces maiores de 12 anos.

Un desfile que, como explica o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, busca “axudar ás novas promesas da moda a mostrar o seu traballo” e que xa ten data de celebración: o vindeiro sábado 22 de outubro no parque da Feira Vella. “Queremos ofrecer novas e novos deseñadores a oportunidade de dar a coñecer o que están a facer e a todas aquelas persoas interesadas no mundo da modelaxe que poidan desfilar lucindo os modelos dos creadores e creadoras participantes”, salienta o edil.

A organización busca máis deseñadores e deseñadoras que se animen a participar no encontro, así como modelos de distintas tallas. As persoas interesadas en participar en calquera das dúas modalidades poden solicitar máis información a través do teléfono 687 764 516 ou do correo electrónico mocidadeviva@ponteareas.gal. Bouzó anima a todas as persoas relacionadas ou interesadas no mundo da moda a participar neste gran desfile que demostra “a gran iniciativa e implicación que teñen os nosos mozos e mozas organizando unha actividade pioneira na vila”. O concelleiro convida tamén a toda a veciñanza a asistir e gozar do desfile como público.