A licitación a pista polideportiva e área de lecer no Covelo

En San Salvador de Prado e Paraños

O Covelo | O Concello de Covelo saca a licitación a execución da mellora da pista polideportiva e a creación dunha área de lecer na contorna da Casa Cultural da parroquia de Paraños. Ante o deterioro da pista actual o Concello investirá 50.985,3€ na súa renovación e creará, tamén, un espazo público amable no que promover o encontro.

O proxecto contempla a mellora da superficie da pista cun revestimento especial para usos deportivos e o pintado da mesma. Ademais colocaranse equipamentos deportivos e tamén se renovará o peche exterior existente. Dentro dos traballos a realizar tamén está a poda das árbores e o encintado da actual bancada de pedra.

Para o desfrute da veciñanza crearase unha área de lecer. O Concello procederá a acondicionar unha zona da contorna da casa cultural na que haberá mesas, bancos e mobiliario exterior de madeira.

O Concello informa tamén que acaban de rematar as obras de mellora da pista deportiva de San Salvador de Prado e da súa contorna. Cun investimento de 40.464,64€ o Concello mellorou a pista existente, o parque infantil e a contorna deste espazo público de encontro veciñal.

Ademais, o Concello procederá ao desbroce do perímetro da pista deportiva e parque infantil de Pazos, logo de rematar as obras de renovación que tiveron un custo de 44.969,76€ e que xa está dispoñible para o uso de todas as persoas.

Esta actuación enmárcase no plan de mellora de equipamentos deportivos e parques infantís que o Concello de Covelo desenvolveu nos últimos anos superando máis de 150.000 mil euros de investimento neste ano 2023 e 155.000€ no 2022.