Nisto da información e as opinións que se van facendo públicas, no medio das revistas e xornais, no medio das informacións gráficas e sonoras, de todo tipo de divulgación e propaganda, acórdame apuntar que cada vez estamos máis informados pero asumimos menos esa información porque moita dela é mentida ou con intención de perturbar a verdade. Pode ser que non teñamos tempo para tanta cousa. Non sei se, pola contra, é unha arma defensiva diante do exceso ou se é un modo de neutralizar tanto “desmadre” de palabras, de imaxes, de propagandas e de opinións, de ofensas directas á liña de flotación dalgún ser ao que hai que anular.
O certo é que cada vez son máis diversas as crónicas e os relatos que, aínda que se fan da mesma realidade, resultan contraditorios e aleatorios, moitos deles creados por intelixencia artificial e nalgúns casos faltos da suposta ponderación crítica ou, pola contra, cunha intencionalidade irracional que deriva en cuestións ideolóxicas moi determinadas, ás que se lles ve o plumeiro. Todos eles precisados dunha análise crítica que levaría a enguedellar aínda máis o exceso mesmo do que falo.
Por iso sería bo analizar debidamente a orixe e procedencia, tamén a fondura ou o rigor con que poden estar feitos eses relatos que nos botan diante dos sentidos, principalmente nos ollos.
“Empregan nomes en inglés que denotan unha vez máis a invasión lingüística”
Empregan nomes en inglés que denotan unha vez máis a invasión lingüística -esta si- chea de empeoramentos para a lingua propia e usurpación indebida dos nosos espazos, nos que andamos a recuperarnos de séculos de persecución. Newsletters, vídeos gravados por influencers sen especial capacidade ou competencia, senón unicamente de chamada para quen se perde polas redes, sobrantes de tempo para outros mesteres. Tamén hai os shorts, que seica son vídeos curtos que teñen como único obxectivo “facer ruído” para viralizar o seu contido e deslocalizar temas, divulgando opinións a pano co que se quere difundir. Dá igual o que digan, nunca estará revisado por expertos, mais sae ao paso para enguedellar. Resulta áxil ler así contidos breves que non afondan moito nos temas e tratan de desviar a atención do tema que se estea a tratar, porque iso responde a unha lóxica de consumo e de aparcamento do verdadeiramente importante. Pero a verdade que buscamos non está aí e esixe unha certa reflexión, quizais unha reflexión previa. Hai unhas normas que deben ser anticipadas e que conducen a encontrar solucións e dar luz ao noso interese por saber e coñecer. Non son desviadores da atención, nin desculpas de mal pagador, non son opinións que se soltan no aire para perturbar o ambiente e facernos dubidar. Abran os ollos e os oídos. Vexan e escoiten. Están aí, son eles, no poder, os que queren domear o mundo.





