A historia dos cabaqueiros irmandará ao Rosal, A Guarda e A Laracha

Primeiros pasos para selar este irmandamento entre Concellos

O Rosal | Unidos a través da historia dos seus cabaqueiros. Así están os Concellos do Rosal, A Guarda e A Laracha, que xa están a dar os primeiros pasos para o irmandamento entre os tres municipios coa telleira como motivo condutor.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, mantivo un encontro co alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero; o rexedor da Laracha, José Manuel López; o concelleiro guardés Fernándo Reyes; a edil larachesa, Patricia Bello, e co cabaqueiro rosaleiro José Álvarez, Pepe O Buraco.

Tratouse dun primeiro encontro para comezar a dar pasos na andaina que levará aos tres concellos a estar irmandados e a traballar para poñer en valor como a historia da telleira da Laracha conflúe co Baixo Miño e como moitos cabaqueiros rosaleiros e guardeses desenvolveron gran parte da súa vida profesional no concello coruñés varias décadas a mediados do século pasado.

Para recoller esta historia entrelazada o investigador e documentalista Xabier Maceiras está a escribir ‘As Telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño’, un libro que reflectirá a unión entre estes tres concellos arredor das telleiras e como cada ano centos de traballadores deste gremio do Baixo Miño, moi ben valorados tras as fronteiras da comarca, pasaban meses na Laracha buscando gañar o xornal e levar adiante ás súas familias. Precisamente o rosaleiro José Álvarez, Pepe O Buraco, é unha das fontes oficiais que está a empregar o escritor para dar vida e forma a este libro.

Os tres concellos traballarán man a man para acadar este irmandamento definindo as accións que se irán desenvolvendo e xa planean novos encontros. A finais de verán unha delegación do Rosal e da Guarda visitarán A Laracha para participar no acto de presentación deste libro documental, que contará coa participación tanto de representantes institucionais como de telleiros dos tres municipios.

O seguinte encontro será en outubro, no que unha delegación da Laracha volverá visitar O Rosal para participar na Mostra do Cabaqueiro, que se organiza cada ano ao abeiro das Xornadas de Patrimonio.