A Guarda mellora e rehabilita elementos patrimoniais da vila

Entre elas a Fonte Lavadoiro de Xixolla, a muralla medieval e a pía do As de Copas
O alcalde guardés Antonio Lomba (arriba á esquerda) observa as obras na Muralla medieval.

A Guarda | O Concello da Guarda, a través da Concellería de Patrimonio, ven de rematar varios traballos realizados este ano para a mellora e rehabilitación de diferentes elementos patrimoniais existentes no noso municipio. Neste senso realizáronse diferentes tarefas na Fonte Lavadoiro de Xixolla, nunha parte da antiga muralla medieval ou na recuperación da pía da fonte do As de Copas.

Fonte Xixolla
O Concello da Guarda acometeu este ano traballos de rehabilitación e sinalización da Fonte Lavadoiro da Xixolla para contribuír deste xeito á conservación e posta en valor do patrimonio etnográfico existente na vila.

As actuacións levadas a cabo no lavadoiro da Xixolla, pasaron por unha limpeza do conxunto, mediante máquina de auga a presión, cun mimo especial nos elementos de cantería, nos cales a limpeza realizouse dun xeito manual.

Para os elementos de madeira se procedeu á limpeza con maquinaria a presión, e acabado con produtos para protección e tratamento de madeira.

Muralla Medieval
O tramo da muralla medieval sito entre a Praza do Monte Real ou Praza de Bautista Alonso na Rúa Ireira ao pé do trazado do Camiño Portugués da Costa foi onde realizáronse labores de limpeza da antiga muralla.

A vila da Guarda coincidindo co pulo do comercio  no século XIII da Europa atlántica sofre un  incremento poboacional e os seus habitantes para  defenderse de ataques  levantan murallas.

O recinto amurallado derruído  cara ao 1622 conserva dous tramos,  un na rúa do Muro e outro na rúa da Ireira. A cidade amurallada  estaba dividida en dous sectores pola rúa do medio, a actual rúa Colón, no comezo e no final desta estaban as únicas portas de  acceso á vila.

Estas labores de limpeza e conservación realizáronse de maneira manual para evitar danar a pedra, contando coa pertinente  autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia. Estas obras de limpeza acometéronse  con recursos propios do concello da Guarda.

Pía do As de Copas
Arrancando o verán de 2021, se ten coñecemento dun ataque contra o patrimonio da vila da Guarda, consistente no roubo da pía da Fonte do As de Copas sita na Praza de Avelino Vivente, uns feitos que consternaron a moitos veciños da Guarda e que dende o consistorio se tachou coma un acto vandálico sen precedentes.

A Fonte Lavadoiro de Xixolla.

Foi neste momento cando dende a Concellería de Patrimonio se decide recuperar esta pía, facendo unha análise de arquivos fotográficos deste elemento que, coa axuda dunha empresa de cantería local, se logrou realizar una nova pía coas mesmas características da roubada, que foi colocada finalmente no seu sitio fai unas semanas. Estas obras acometéronse con recursos propios do concello da Guarda.

A obra de conservación do lavadeiro de Xixolla fíxose cunha subvención da Deputación de Pontevedra  e para este ano 2021 o concello ten previsto solicitar unha subvención para  a  rehabilitación do lavadeiro da Piollosa.

Con estas intervencións o Concello da Guarda  pretende  valorizar a riqueza patrimonial  do noso territorio mediante a súa conservación e mellora.