A Guarda | O Concello da Guarda, a través da Concellería de Medio Ambiente, organiza esta semana tres charlas informativas sobre a factura da luz e consellos para o aforro enerxético en fogares e empresas do municipio.
Contarase nestas charlas cos poñentes David Portela Andura, Enxeñeiro Industrial en Electricidade e Santiago González Veiga, Avogado Especialista no sector eléctrico, que serán os encargados de trasladar aos asistentes consellos sobre aforro enerxético, enerxías renovables e informacións de interese sobre a comprensión das facturas da luz, franxas horarias de consumo, prezo da potencia contratada, reclamacións, entre outras.
A primeira charla terá lugar o mércores 20 de abril ás 19:00h no Centro Social de Salcidos, a segunda terá lugar o xoves 21 de abril ás 19:00h na Casa da Comunidade de Montes de Camposancos e a última o mesmo xoves ás 20:30h no Local da Asociación de Veciños O Percamino da Gándara .
En palabras de Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, “sabemos que o prezo da enerxía, en concreto da electricidade, está afectando moito á economía das familias e queremos que os veciños e veciñas coñezan mellor o funcionamento da factura eléctrica e as posibilidades de abaratar o recibo da luz.” O Concello está a poñer en marcha estas charlas informativas encamiñadas a minimizar o impacto do custo da enerxía na economía, tanto municipal doma doméstica, así, en breves, lanzará o “Plan Rehabita” de rehabilitación de vivendas particulares e as comunidades enerxéticas, que teñen coma obxectivo o aproveitamento das enerxías renovables no ámbito doméstico ou no ámbito particular.