A Guarda homenaxeará ao escritor Eliseo Alonso Rodríguez

Con motivo do 25º aniversario do seu pasamento

A Guarda | Atendendo ás propostas presentadas no Concello de A Guarda, subscritas por varias persoas vencelladas ao eido cultural, o Concello de A Guarda amosa toda súa disposición e compromiso para tributar unha homenaxe a Eliseo Alonso Rodríguez, escritor, etnógrafo, poeta e xornalista.

O escritor guardés Eliseo Alonso Rodríguez.

Con ese propósito creouse a Comisión Organizadora da Homenaxe a Eliseo Alonso, que está formada por Mª Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Cultura do Concello de A Guarda; Marta Verde Rodríguez, tesoureira da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (S.F.N.G.); Antonio Martínez Vicente, membro da Asociación InfoMAXE e Ricardo Rodríguez Vicente, cronista de A Guarda.

En colaboración coa familia de Eliseo Alonso, proponse desenvolver varias actividades nas que se está xa traballando e cun programa no que tamén se ten coma obxectivo nomear a título póstumo a Eliseo Alonso Rodríguez como Fillo Adoptivo de A Guarda, agradecendo deste xeito todo canto fixo a prol de A Guarda, en xeral, e de xeito moi especial, pola súa contribución á posta en valor do seu patrimonio etnográfico mariñeiro.

Ao longo da súa vida, Eliseo Alonso visitou á vila guardesa en innumerables ocasións, un gran amigo de moitos pescadores, artistas e fotógrafos, foi un activo publicista dos singulares atractivos que posúe A Guarda, das súas festas, da súa gastronomía, do mar, do Río Miño, das súas tradicións e costumes populares.

Deste xeito e para dar dar inicio o cumprimento desa débeda que o pobo da Guarda ten coa figura de Eliseo Alonso, o pasado 30 de marzo reuníronse no salón de Plenos do concello da Guarda os portavoces de todos os grupos municipais e acordaron, de xeito unánime, iniciar a tramitación administrativa para que nun Pleno Extraordinario se recoñeza a Eliseo Alonso Rodríguez como Fillo Adoptivo da Guarda, máxima distinción que outorga o Regulamento de Honras e Distincións a unha persoa non nacida na localidade.

Os actos a realizar están previstos que coincidan co XXV aniversario do pasamento de Eliseo Alonso, e contarán coa participación das autoridades municipais e a cidadanía de A Guarda.