A Guarda e Póvoa de Varzim xa son cidades irmandadas

Formalizaron o nexo entre ámbalas dúas vilas mariñeiras

A Guarda | O Concello da Guarda iniciou en xuño os trámites para formalizar o Irmanamento entre as vilas mariñeiras da Guarda e de Póvoa de Varzim (Portugal) coa creación dunha Comisión integrada polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, un representante de cada un dos grupos municipais e o representante da asociación O Piueiro, Tomás Núñez González.

O acto protocolario de irmanamento na cidade portuguesa celebrouse no día de onte, 29 de xuño de 2022, coincidindo coa festa de San Pedro patrono da Póvoa. Unha comitiva municipal, encabezada polo Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, desprazouse ata a cidade portuguesa, convidados polo Presidente da Camara Municipal de Póvoa de Varzim, Aires Henrique do Couto Pereira.

Participaron  en diferentes actos das Festas de S. Pedro e procedendo tamén á sinatura da “Minuta de Acordo de Germinaçao”, o documento polo que as súas vilas quedan deste xeito irmandadas.

Con motivo desta celebración o volanteiro Piueiro e a súa tripulación navegaron ata a Povoa, coa idea de estreitar lazos coa lancha do alto “Fe em Deus” e a súa tripulación, participar no irmanamento e simbolizar a unión das comunidades pesqueiras tradicionais da Guarda e da Póvoa de Varzim.

Este Irmanamento comezou a súa andadura no 2020, cunha proposta da asociación O Piueiro de creación dunha comisión organizadora, posteriormente o equipo de goberno da Guarda se puxo en contacto con representantes da Cámara de Póvoa de Varzim para manifestar de maneira explícita a vontade de Irmanamento pero debido á pandemia do Covid houbo que retrasar a súa celebración ata o 2022.

O Alcalde da Guarda manifestou ante os presentes neste acto de sinatura a súa ledicia e satisfacción por un Irmanamento entre dúas vilas que dende xa hai moitos anos manteñen moitos nexos de unión, sempre vencellados á vida mariñeira, como son as marcas dos pescadores e mariñeiros da Guarda ou as siglas povoeiras.

Convidou Antonio Lomba a todos os presentes neste acto a participar, os días 23 e 24 de setembro, na Guarda nas celebracións das Festas de Santa Trega e no Pleno Extraordinario que terá lugar para ratificar en sesión plenaria este Irmanamento.

A relevancia deste Irmanamento, entre dous pobos cunha intensa relación ao longo dos tempos, permitirá estreitar estes lazos, incrementar as relacións culturais, fomentar un turismo mutuo entre os cidadáns de ambas entidades e posibilitará un intercambio de experiencias e de coñecementos entre os responsables da xestión municipal coa finalidade de propiciar o intercambio de iniciativas e de mellora en materia dos servizos á cidadanía.