A Guarda | O Concello da Guarda acaba de adxudicar o subministro de 250 composteiros domésticos para avanzar na implantación da compostaxe como sistema de xestión de biorresiduos.
O reparto destes 250 composteiros realizarase acompañado dunha pequena explicación e unha demostración da montaxe do composteiro, co obxectivo de informar do proceso de compostaxe e resolver as dúbidas que poidan xurdir ao respecto.
Ademais do reparto dos composteiros, a mestra composteira realizará ao cabo de 3-4 meses unha visita de seguimento a cada composteiro de cara a avaliar o proceso e a resolver incidencias que poidan xurdir.
Coa instalación desta última partida, xa serían 476 os composteiros domésticos repartidos por todo o Concello dende o ano 2013, o que implicaría un total de 476 vivendas que xestionan a súa materia orgánica mediante compostaxe.
Se queres solicitar o teu composteiro podes facelo a través do 986 61 00 00 ou en medioambiente@aguarda.es
A adquisición destes composteiros realízase ao abeiro das axudas en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 durante os anos 2020 e 2021.