A Guarda celebrará o seu tradicional Desfile de Martes de Entroido

O vindeiro 1º de marzo, atendendo á situación sanitaria

A Guarda | O Concello da Guarda informa de que este ano 2022 realizarase, sempre que a situación sanitaria así o permita, o tradicional Desfile do martes de Entroido, que terá lugar o día 1 de marzo de 2022.

Esta decisión foi adoptada despois dun encontro mantido a pasada semana entre o Concelleiro de Festas e Festexos Populares, Rafa Álvarez; a Concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes e representantes de grupos e comparsas da vila que cada ano participan neste desfile.

Nesta reunión, na que se falou sobre a celebración do Desfile de Entroido deste ano, acordouse por unanimidade a súa realización, sempre respectando as medidas sanitarias vixentes e co ánimo de dinamizar a vila nunhas datas tan características para todos os veciños e visitantes.

Os asistentes á reunión manifestaron a súa dispoñibilidade, gañas e ánimo de participar no tradicional Desfile do martes de Entroido e, vendo o seu interese, optouse por celebrar o mesmo e publicar as Bases de participación, que están xa dispoñibles na sede electrocina da web municipal para inscribir aos grupos e comparsas que desexen participar, contando con axudas á participación por parte do Concello da Guarda.