A Guarda busca apoios no sector turístico para o Camiño Portugués da Costa

O Concello reuniuse cos máis de 10 establecementos turísticos da vila

A Guarda | O pasado xoves 10 de febreiro o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e o Concelleiro de Turismo, Rafa Álvarez, mantiveron unha reunión coas empresas de aloxamento turístico.

Nesta primeira reunión foron convocados os máis de 10 establecementos turísticos presentes na vila como hoteis, apartamentos, pensión, turismo rural, cámping e albergue.
A finalidade da reunión foi trasladar directamente ao sector as xestións feitas polo alcalde, Antonio Lomba, e a concellería de turismo en relación a publicación por parte de Portugal dun itinerario non oficial do Camiño da Costa.

Na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, aprobada en 2016, foi recoñecido o Camiño Portugués da Costa sendo A Guarda, o primeiro concello galego. É dicir, esta denominación corresponde ao camiño que comeza en Oporto percorre o litoral portugués ata chegar a Caminha onde cruza o río Miño na súa propia desembocadura ata A Guarda e continúa percorrendo as vilas costeiras do Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo e Redondela.

Ademais desta situación tratouse outro punto de vital importancia para os peregrinos, o turismo e a veciñanza en xeral, como é falta de comunicación real entre Caminha e A Guarda. Actualmente o transbordador non funciona e parece que se vai atrasar o seu comezo.

O Alcalde trasladou aos asistentes os diferentes condicionantes como a avaría do embarcadoiro no Pasaxe que dende o mes de agosto non permite o acceso ao transbordador con vehículo.

Tamén informou os pasos dados ante Portos de Galicia para o rápido arranxo deste embarcadoiro e deste xeito a Cámara Municipal de Caminha poda activar o funcionamento con vehículos e non só con pasaxeiros a pé ou en bici como estivo traballando no segundo semestre de 2021.

Ante a importancia para o presente e futuro da Guarda, tanto como inicio galego do Camiño Portugués da Costa como pola vital comunicación entre as dúas vilas fronteirizas de Caminha e A Guarda, o Alcalde tamén adiantou que se deu o paso de rexistrar unha primeira proposta non Lei ante o Parlamento galego.

Esta reunión permitiu achegar posturas entre as empresas de aloxamentos turístico e o Concello da Guarda sendo conscientes de que o traballo debe ser conxunto.
Nas semanas anteriores tamén se mantiveron reunións cos restaurantes para coñecer a súa realidade tras estes anos de pandemia e poder por en marcha iniciativas para reactivar o sector.