A Guarda aproba as medidas económicas e sociais presentadas polo BNG fronte á crise

A Guarda | No pleno celebrado no día de onte no Concello da Guarda, aprobouse a moción presentada polo BNG sobre medidas económicas e sociais para combater a crise económica e social derivada da pandemia da COVID19.

O acordo contempla medidas no ambito da reactivación económica, como a elaboración dun proxecto de reforma integral da Praza de Abastos co obxectivo de acadar o recoñecemento de mercado de excelencia por parte da Xunta de Galiza. O portavoz do BNG, Anxo Baz afirma que “a Praza de Abastos debe transformarse nun dos piares da reactivación da economía local. Para iso precisa dunha remodelación integral para convertela nun mercado de referencia para toda a contorna. Temos os mellores produtos, temos xente que sabe traballalos e fáltanos un espazo acorde aos tempos nos que vivimos”.

O acordo recolle un reparto máis equitativo das obras que realicen empresas locais, así coma as compras a proveedores e contratación de servizos do Concello.

Recóllese tamén o incremento das partidas para emerxencia social e a posta en marcha do Plan Revitaliza para un futuro máis ecolóxico que axude ao proceso de desenvolvemento integral desde plan que promove o BNG na Deputación de Pontevedra.

Aprobouse a adhesión a Rede Ágora da Deputación para realizar políticas de recuperación de espazos públicos e fomentar a mobilidade, garantindo que as prazas estean libres de coches, diminuír o tráfico rodado, e limitar a velocidade.

O portavoz nacionalista, Baz, afirma que “a distancia física recomendada polas autoridades sanitarias, fai aínda máis necesario que contemos con espazos públicos para esparcimento que permitan a mobilidade a pé ou en bicicleta con seguridade”.

Tamén se aprobou a creación da Mesa Local do Emprego na que participarán organizacións de comerciantes, Confraría, organizacións pesqueiras e sindicatos, ademais das organizacións políticas.
O pleno aínda acordou instar a Xunta de Galiza para que se dirixa ao Goberno do estado para esixir a derrogación da lei orgánica 2/2012 do 27 de abril, máis coñecida como lei Montoro, que prioriza o pago da débeda aos bancos e impide que moito dos recursos dos Concellos se podan adicar a políticas activas de emprego e reactivación económica.

O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, valorou moi positivamente para o pobo da Guarda a aprobación destas medidas e lamentou a postura negativa e pasiva do alcalde e do PSOE que votaron en contra.